DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O mestrado de Dirección de PEMES creouse a partir dun estudo de mercado no sector

Nace o primeiro máster para cubrir as necesidades das pequenas e medianas empresas

O posgrao de Comercio Internacional emprende a súa cuarta edición cunha versión non presencial

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 16/06/2011

Aínda non se abriu o prazo de matrícula e xa espertou moitas expectativas entre a alumnado potencial: un licenciado na Escola de Empresariais hai 23 anos que traballa nunha PEME e quere “actualizarse e especializarse” xa chamou pedindo información. Trátase do novo Máster en Dirección de PEMES, que verá a luz o vindeiro curso coa intención de “cubrir as necesidades das pequenas e medianas empresas, xa que dende elas demandan profesionais que entendan a problemáticas dunhas corporacións cunhas características especiais”, asegurou Pilar López, coordinadora da novo posgrao. Este máster nace con 30 prazas tras un estudo de mercado do sector para facer unha titulación á medida das circunstancias e non ao revés, “o que dificultaría a saída laboral do alumnado”.

Será un ano para cubrir os 60 créditos e as oito materias presenciais, o traballo de fin de titulación e as prácticas en empresas, coas que xa se está a falar para buscar ás entidades que máis se axusten ao perfil do estudantado. A Escola de Empresariais ten activos máis de 500 convenios de colaboración con distintas entidades, algúns deles dende os anos 80, sempre asinados coa idea de “formar profesionais cualificados para que, neste caso, as PEMES poidan ser o máis competitivas posible, xa que moitos directivos de pequenas empresas teñen que saber facer un pouco de todo pero descoñecen moitos aspectos de sobre como dirixir unha empresa”, recordou López. As clases serán pola tarde para atraer ao posible alumnado que teña que compatibilizar o máster cun posto de traballo e a preinscrición poderá facerse entre o 1 e o 7 de xullo, para logo formalizar a matrícula a finais de mes. Haberá un segundo prazo de inscrición a partir do 30 de agosto.

Clases non presenciais

Mentres este posgrao comeza a súa andadura, o de Comercio Internacional pecha este ano a súa terceira edición despois de que 90 profesionais pasaran xa polas súas aulas e escolleran esta titulación, “continuación natural do grado de Comercio. A saída da crise pasa pola internacionalización, tanto para sobrevivir como para crecer. Por algo só en Vigo hai máis de 1000 empresas exportadoras”, subliñou Antonio Vaamonde, coordinador do mestrado. Para mellorar a formación destes profesionais, o vindeiro curso a titulación estreará unha modificación do plan de estudos, para incluír materias novas e “suprimir as redundantes”, pero tamén porá en marcha unha versión non presencial, xa que detectaron que moitos dos estudantes que elixiron este máster procedían de países como Brasil, Venezuela o Taiwán. Serán os mesmos contidos e o mesmo profesorado, “só cambiará a modalidade de ensinanza”, na que se explotará a teledocencia e as videoconferencias.

Balance do primeiro ano de vida de Comercio

Ofertaba 120 prazas e encheu 81 no primeiro ano do grao de Comercio, “unha cifra bastante importante para o comezo da que é a nosa titulación insignia, á que lle estamos a dar continuidade con estes mestrados e que nos leva a repartir ao alumnado por empresas da contorna para que coñezan a realidade de primeira man”, explicou Patricio Sánchez Bello, director da Escola de Empresariais. E, aínda que o balance dun programa educativo é difícil facelo sen completar o ciclo de 4 anos, o balance tras un ano de existencia é “moi positivo. Xunto á importancia demanda social a avaliación de calidade dos indicadores académicos indica unha elevada satisfacción de docentes e alumnado”, recalca Javier Lorenzo, subdirector da Escola. Un aviso aos matriculados: este segundo ano que se vai implantar o grao de Comercio comezará a diferenciarse do resto de titulacións do ámbito empresarial.