DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 25 ao 30 de decembro Ourense celebra a 8ª Mostra de Teatro Infantil

Este Nadal agasalla MOTI aos máis pequenos da casa

O campus universitario acollerá tres días de representacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 20/12/2011

Chega o Nadal e como cada ano a Mostra de Teatro Infantil de Ourense levanta o pano para entreter e divertir aos máis pequenos da casa. Do 25 ao 30 de decembro, 15 compañías e 20 representacións encherán os escenarios da cidade co mellor teatro infantil galego e estatal. Monicreques, clown, teatro de actor, danza e moito máis farán as ledicias de nenos e pais e volverán a converter a Ourense no referente teatral galego. O campus universitario acollerá tres días destas representacións. Este ano polo Nadal toca agasallar teatro e tempo de calidade coa familia e a MOTI preséntase como unha das mellores opcións.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Isabel Pérez, concelleira de Cultura do Concello de Ourense; Juan Carlos Fasero, director de Agadic, e Fernando Dacosta, director da MOTI, foron os encargados este martes de presentar a oitava edición da mostra. “Unha ano máis celebramos unha MOTI que invade o campus e a cidade do mellor teatro infantil e que é posible grazas á sinerxía das institucións presentes aquí”, destacou María Lameiras. Cun amplo programa de representacións, Isabel Pérez salientou “que estamos en tempo de agasallos e este Nadal toca agasallar teatro e tempo cos máis pequenos e coa familia”.

Ourense, capital das artes escénicas

O director de Agadic quixo pola súa banda facer fincapé en que a MOTI, xunto a MITEU e FITO, corrobora o papel de Ourense como “capital das artes escénicas”. Ademais deste protagonismo na cidade, Juan Carlos Fasero salientou a responsabilidade que supón para a MOTI o feito de que moito do seu público achégase por primeira vez ao teatro e diso vai depender o seu gusto futuro por esta arte. “Destas representacións sairá o público do futuro”, advertiu.

Fernando Dacosta foi o encargado de pór as cifras desta edición. Seis días de espectáculos, 15 compañías de Galicia, Madrid, País Vasco, Murcia e Castela A Mancha, 16 pezas diferentes, 20 representacións e catro escenarios, que son o Teatro Principal, o Auditorio Municipal, a Sala Emilia Pardo Bazán do campus e as rúas da cidade. “Esta edición, onde mantemos o orzamento a pesares da crise, é unha aposta moi clara pola cultura e polo teatro”, dixo o director da MOTI, que quixo agradecer o esforzo de todas as persoas que traballan na organización e celebración da mostra e das entidades que a fan posible.

O campus como escenario

Como en anos anteriores, o campus de Ourense acollerá nas súas instalacións varias das representacións da MOTI e a Aula de Teatro Universitaria Geppetto actuará nesta cita. A Sala Emilia Pardo Bazán estrearase nesta edición da MOTI o luns 26 de decembro coa representación, ás 18.00 h, da obra de monicreques Guyi-Guyi, da compañía Periferia Teatro de Murcia. Tras este inicio, as representación regresarán á Universidade o día 29 coa compañía galega Trécola Teatro, que ofrecerá a obra A estraña historia dos ladróns do tempo, e co Grupo de Danza Universitaria DOU-TRAS, que interpretará Esto non é. Para rematar, o venres día 30, acollerá tres representacións da peza de Títeres Trompicallo O día que chegou unha nube e choveu, dirixida a nenos de 1 a 5 anos. A entrada no campus de Ourense será de tres euros pero a súa recadación irá destinada a UNICEF. A este programa hai que engadir a actuación da Aula Gepetto, que será o mércores 28 no Auditorio Municipal co espectáculo Manuscrito, dirixido a maiores de 4 anos.