DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En cada edificio hai habilitado un espazo para doar produtos non perecedoiros ata o 21 de decembro

O Nadal chega ao campus cunha campaña de recollida de alimentos

Os organizadores piden sobre todo azucre, aceite, conservas, galletas e leite

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 28/11/2011
Chega o Nadal e con el intensifícase o espírito solidario entre a xente, tamén entre a comunidade universitaria. Este ano o campus de Ourense organiza unha campaña de recollida de alimentos básicos que logo serán entregados ao Banco de Alimentos da cidade. Se es un membro da comunidade universitaria ou de fóra dela e queres contribuír a que persoas en apuros económicos pasen un pouco mellor estas datas sinaladas, nos diferentes edificios do campus atoparás uns carriños de supermercado onde podes deixar a túa doazón.

A iniciativa, promovida desde o Servizo de Voluntariado e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, estará aberta ata o vindeiro 21 de decembro, xusto antes das festas de Nadal, momento no que o Banco de Alimentos fará entrega dos produtos ás persoas que os precisan na provincia. Ata daquela, os interesados en facer as súas achegas poderán en calquera momento achegarse ás entradas dos edificios do campus a depositar os alimentos que queiran doar.

Os organizadores salientan que os produtos que máis precisan son alimentos básicos coma azucre, aceite, latas de conservas, galletas e leite, coa caducidade máis ampla posible. De todos os xeitos destacan que todo tipo de produtos non perecedoiros son benvidos, como poden ser pastas, legumes, fariña, cereais ou incluso produtos típicos de Nadal. Toda doazón é ben recbida porque, salientan na súa campaña, "cun quilo teu axudarás a máis de 15000 necesitados na provincia de Ourense".

Olimpíadas Solidarias

Ademais desta campaña, o campus de Ourense, xunto ao de Vigo, participa da solidariedade na IX Olimpíada Solidaria de Estudos, que permitirá, a través das horas de estudo do alumnado, financiar a reconstrución e apoio a varias escolas afectadas polo terremoto ocorrido en 2010 en Haití, ademais de impulsar o crecemento de países coma Camerún, Angola e Ecuador. O proxecto, desenvolto pola ONG Coopera, ACTEC e Cooperación Internacional, converterá as horas de estudo, o principal activo do estudantado, en euros que se empregarán para fomentar a educación e a formación profesional da mocidade dos países do Sur.

Concretamente no campus de Ourense, a Olimpíada celébrase do 5 de novembro ao 5 de decembro nas salas de estudo da Biblioteca universitaria, do Edificio de Ferro e do Edificio Politécnico. Na primeira semana as horas rexistradas achegáronse ás 2000. Un bo comezo co que os organizadores da iniciativa agardan superar as 7796 horas que acadaron o ano pasado e que se transformaron en euros para causas solidarias.