DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofreceron o tradicional concerto destas datas

O Nadal chega ao campus da man de Riobó e o seu violín

O grupo amosou o seu virtuosismo interpretando temas do seu primeiro disco

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 15/12/2011

Ela está considerada unha das mellores violinistas folk. Eles están considerados como algúns dos mellores músicos galegos. E xuntos veñen de formar Riobó, un grupo promesa no panorama galego con Begoña Riobó á cabeza que este xoves deixou no campus de Ourense constancia da súa calidade. Foi no concerto de Nadal, cita tradicional no calendario de actividades culturais da Universidade, onde un ano máis os membros da comunidade universitaria se deron cita para despedir 2011 antes das vacacións de Nadal e compartir un tempo de lecer xuntos.

Durante máis dunha hora os asistentes puideron gozar na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro coa música deste grupo, que tocou as pezas do seu primeiro e de momento único disco, que leva o seu nome, Riobó. A súa líder deixou patente a súa calidade como violinista a pesares da súa xuventude, calidade que a ten levado a tocar nas bandas de destacados músicos como Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo e Sondeseu.

Rematar con bo sabor de boca

Con ela estiveron no escenario os compañeiros de aventura musical, que son Fernando Barroso, á guitarra; Marcos Campos, á gaita, ao acordeón e ás frautas; Xosé Liz, ao bouzouki, e Fernando Pérez, ás frautas e á requinta. Xuntos, violinista e músicos foron debullando un a un os temas do seu disco e enchendo de notas musicais o Nadal no campus de Ourense. Entre o público, María Lameiras, vicerreitora do campus; Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, numerosos docentes, investigadores, alumnado, persoal de administración e servizo e ourensáns que quixeron gozar da boa música e do bo ambiente previo ás vacacións de Nadal e ao peche do ano.

Con a elección deste grupo, a Vicerreitoría do campus de Ourense cumpre o seu desexo non só de rematar o ano xuntando á comunidade universitaria e abríndose á cidade de Ourense, senón tamén de contribuír á difusión da música galega e de axudar a potenciar a traxectoria das novas promesas artísticas. Un bo sabor de boca para rematar 2011 e comezar as festas de Nadal.

Próxima cita

Pero esta non será a única cita universitaria e musical destas datas. Xa fóra do campus, concretamente na Igrexa de Seixalvo, o día 18 de decembro, ás 18.00 horas, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum celebrará o seu Festival de Música Sacra e Panxoliñas. Nel interpretarán dez pezas corais nas que alén de música sacra haberá tempo para as panxoliñas en diferentes idiomas. No festival, ao que convidan a achegarse a todas as persoas interseadas, contarán ademais coa intervención do tenor Baldomero Pavón. Unha cita coa que o coro universitario quere dar o seu particular broche de ouro a este ano.