DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comezou a campaña de recollida de alimentos, libros e xoguetes

O Nadal máis solidario do campus de Ourense

O material pode deixarse nos seis puntos habilitados en distintos centros

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 21/11/2014
“Canto maior é a necesidade, maior é a solidariedade”. Así de convencido estaba o Bienvenido Conde, membro do Banco de Alimentos, da boa acollida que terá a nova edición da campaña de recollida de alimentos básicos non perecedeiros, libros e xoguetes que se vai desenvolver no campus de Ourense en colaboración co Banco de Alimentos e Cruz Vermella e coa que se espera repetir o éxito de anos anteriores. “A Universidade de Vigo é solidaria e participativa e fai un chamamento á comunidade para que acheguen bens materiais que logo estas institucións de referencia canalicen para que cheguen a aqueles que máis o necesitan e que non poden adquirilos polos seus propios medios”, explicou Virxilio Rodríguez, Vicerreitor do campus ourensán.

Coa campaña xa en marcha, todos os interesados en facer algún tipo de achega poderán facelo en calquera dos puntos de recollida habilitados no campus, que estarán nas zonas de entrada do Edificio de Ferro, no Edificio Politécnico, no Edificio Xurídico-Empresarial, na Biblioteca Rosalía de Castro, no Pavillón de Deportes e na Unidade Administrativa. Esta recollida está coordinada dende a Oficina de Voluntaria do campus de Ourense, que tamén ofrece a posibilidade de cambiar horas solidarias por créditos ECTS.

Xoguetes para maiores, alimentos para almorzar

A campaña de recollida de alimentos estará aberta ata o vindeiro 19 de decembro. Calquera membro da comunidade universitaria ou alleo a ela que queira colaborar poderá deixar comida non perecedoira nos carros habilitados en todos os centros. E, aínda que dende a organización aseguran que calquera tipo de alimento básico é benvido, recordan que hai unha maior necesidade de alimentos para o almorzo, como leite, cacao ou galletas. “O doado é dar pasta, arroz, legumes... pero tes que acompañalos con algo”, asegurou Bienvenido Conde. Por iso aceite, azucre, conservas e embutidos son outros dos produtos que máis precisan. Calquera interesado en participar tamén pode deixar o seu gran de area na Gran Recollida Solidaria que se vai celebrar en distintos puntos da cidade os vindeiros 28 e 29 de novembro.

Pola súa banda, a recollida de libros e xoguetes pecharase antes, o 10 de decembro, para que os voluntarios de Cruz Vermella poidan facer a súa correcta clasificación de cara ao reparto de Nadal. O que máis demandan, xoguetes e lectura para nenos de 6 a 16 anos. “Xogos de mesa, libros... para estas idades case non temos. Para os nenos pequenos chégannos en cada campaña que facemos, pero para os maiores non”, recoñeceu Vicky Rodríguez, de Cruz Vermella. É moi importante que o material doado sexa novo ou estea en bo estado e con todas as pezas, limpos, que funcionen e que “non sexan nin bélicos nin sexistas”.

Alumnado solidario

A solidariedade no campus ourensán non é algo efémero, “nin cousa duns días ou unhas semanas”. A comunidade universitaria está concienciada e froito diso nacen campañas como a de recollida de roupa organizada pola Delegación de alumnos da Facultade de Ciencias da Educación, que se celebra por terceiro ano consecutivo. Calquera interesado en participar pode deixar roupa e calzado de home, muller e neno en bo estado na caixa que a delegación ten na súa porta en horario de atención ao público.

“A Universidade como institución ten a misión de contribuír á construción dunha sociedade libre e xusta, na que impere a igualdade de oportunidades, na que non haxa desequilibrio social. Mentres camiñamos nesa dirección non deixaremos de colaborar para solucionar os problemas concretos, reais, do día a día”, salientou o vicerreitor.