DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do Foro Neotec para a posta en marcha de empresas de base tecnolóxica

Nanoinmunotech acada o recoñecemento do CDTI cunha achega de 600.000 euros

A spin-off dedícase á caracterización biolóxica de nanoestruturas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 20/01/2011
Nun ano e medio, Nanoinmunotech consolidou a súa aposta no eido da nanotecnoloxía como empresa punteira a nivel e estatal acadando recoñecemento a través de varios premios e agora co respaldo do Centro de Desarrollo Tecnológico Industrial. Tras a súa participación no mes de novembro no Foro Neotec en Bilbao, os seus responsables África González e Christian Sánchez Espinel, veñen de coñecer a concesión de financiamento cunha dotación de 600.000 euros. Trátase dunha achega no marco de Neotec, un foro que reúne a inversores con empresas de base tecnolóxica como Nanoinmunotech, que xorde da colaboración entre grupos de investigación das universidades de Vigo e Zaragoza.

Para o 2011 a empresa, que traballa na caracterización biolóxica e físico-química de nanopartículas, contará cun orzamento dun millón de euros que vén a confirmar o acertado desta aposta por “un sector en auxe, un campo con moito futuro e expansión internacional”. Segundo explica o xerente da empresa, Christian Sánchez, o requisito para outorgar este financiamento é que a contía outorgada non supere a porcentaxe total do financiamento, é dicir, “que os promotores esteamos en fase de rolda de financiamento para completar un orzamento total para o primeiro ano de 900.000 euros aproximadamente e, por outra banda, a contratación dun director xeral senior con dilatada experiencia no sector”.

Primeiros pasos firmes

Con esta achega Nanoinmunotech afronta o seu segundo ano con maior tranquilidade en tempos de crise. “Supón un punto de inflexión, un primeiro chanzo, que nos permite dotarnos de infraestruturas propias e ter unha plantel de 7 persoas en 2011, todos altamente cualificados e algúns da propia Universidade de Vigo, así como desenvolver o noso catálogo de produtos e lanzalos ao mercado”.
A elección de Nanoimnunotech para este financiamento non supón só unha achega económica, senón un recoñecemento ao labor desenvolto polo seus fundadores. Segundo apunta Sánchez Espinel, “o que fixo decantarse a Neotec foi a capacidade da empresa de converter servizos en produtos, e pasar a ser comercializadora empregando a tecnoloxía NIT-zipper nos nosos kits de biofuncionalización de nanomateriais”.

Este recoñecemento vén a ratificar o bo comezo da actividade da empresa e Sánchez resalta que “lograr o NEOTEC I supón pasar a mellor auditoría científico-técnica e económico-financeira no país e sírvenos como carta de presentación ao tempo que nos avala”. Así, tras estes primeiros meses de traballo, o seu xerente recoñece a importancia do camiño andado, “xa que en realidade comezamos a nosa actividade económica a mediados deste ano e, a día de hoxe alegrámonos de estar prestando servizos a diversas empresas de diferentes sectores e xa facturar, algo non habitual nas empresas de base tecnolóxica nos seus primeiros meses”.

Un campo en expansión

Nanoinmunotech é unha empresa recoñecida pola Xunta de Galicia como Empresa Innovadora de Base Tecnolóxica, que xorde a mediados do 2009 froita da colaboración entre grupos de investigación da Universidade de Vigo e da de Zaragoza. Tanto África González como Christian Sánchez salientan o carácter multidisciplinar da mesma como unha importante potencialidade, cun equipo formado por biólogos, químicos, físicos e médicos. A biomedicina preséntase como o principal nicho de traballo para a entidade, que ofrece servizos de caracterización biolóxica e físico-química de nanopartículas. “A idea xorde na necesidade”, explican, xa que non había empresas nin grupos dedicados a facer unha caracterización global destas nanopartículas. O seu traballo céntrase na análise de novos materiais, fármacos máis innovadores, etc, que requiren “unha caracterización previa antes do seu uso en organismos, tanto a nivel físico-químico como biolóxico, que aseguren que as nanoparículas que se van empregar nos seres humanos sexan biocompatibles” . Xunto coa biomedicina, as nanopartículas abren un amplo abano de mercado como o campo cosmético, a veterinaria ou o sector agroalimentario.

De cara a este 2011 a empresa lanzará o seu primeiro catálogo de produtos en formato de kits de biofuncionalización baseados nunha tecnoloxía patentada e licenciada pola empresa, dando o salto de prestadores de servizos a comercializadores dun produto físico.

Este carácter multidisciplinar e a ausencia de empresas que desenvolvan este traballo nin a nivel estatal nin europeo auguran a Nanoinmunotech unha longa traxectoria nun campo como o nano que está en expansión, con elevadas inversións públicas e privadas e unha perspectiva claramente internacional.