DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man dos compositores Esaias Järnegard, Alenxander Khubeev, Jacobo Gaspar e José María Sánchez Ve

A natureza e a súa contorna protagonizarán un concerto en Belas Artes

Os artistas están integrados na corrente contemporánea denominada ‘land art’

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 31/10/2013

Música e natureza teñen unha estreita relación histórica. Baixo esta premisa, Vertixe Sonora Esemble, a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia achegarán, o vindeiro mércores 6 de novembro, ata a Facultade de Belas Artes o concerto O son natural no que participarán catro recoñecidos músicos vinculados ao movemento land art. O sueco Esaias Järnegard, o ruso Alexander Khubeev, o galego Jacobo Gaspar e o andaluz José María Sánchez Verdú son arestora os máximos representantes desta corrente artística da arte contemporánea que emprega para o seu labor artístico elementos da súa contorna e que o vindeiro mes actuarán na cidade de Pontevedra.

Outro dos valores engadidos desta innovadora proposta é a colaboración do investigador Emilio Lede e do artista pontevedrés Fernando Casás. Este ultimo será quen se encargará de describir ante o público asistente as interrelacións que existen dende o seu punto de vista entre a práctica artística e a natureza. Unha vez finalizada a actuación musical, o artista tamén indagará sobre os vestixios do paso do tempo, as mutacións na selva tropical ou mesmo na paisaxe galega.

Saxofón, piano, contrabaixo e percusión

A Facultade de Belas Artes é o espazo elixido para que Esaias Järnegard presente a súa peza Härd (2012), unha palabra que fai referencia ao fogar e na que o compositor concibe o son “coma unha estancia, unha existencia, unha extensión no espazo definido polos corpos”. O saxofón, a guitarra eléctrica e a percusión son os instrumentos dos que botará man o compositor sueco. Un contrabaixo e un piano precisará Alexander Khubeev para tocar eARTh (2012), unha obra na que toma como referencia as principais ideas do land art empregando “material sonoro máis nativo e próximo á natureza”, explica o ruso.

Logo de recibir o Premio Especial e o Premio do Publico no prestixioso Certame Internacional de Composición Isang Yun 2013, o pontevedrés Jacobo Gaspar presentará no campus Sombras de inverno (2012) e o andaluz José María Sánchez Verdú Oxido (2012), una obra da que o seu autor di que “a base metafórica principal nace da oxidación como proceso, sendo a guitarra eléctrica a que desata tal proceso irreversible dende a súa aparición ata o final da peza”.

Plataforma para a creación contemporánea

Vertixe Sonora funciona como unha especie de plataforma para a creación contemporánea musical internacional, estreando en Galicia obras de compositores de todo o mundo. Segundo os seus propios responsables, asume o seu traballo dende unha perspectiva global, procurando a interrelación co pensamento, a ciencia e a arte “dende unha óptica cosmopolita, integradora e transcultural que favoreza un espazo aberto á discusión e ao intercambio no eido da música actual que non renuncia en ningún momento ao rigor, á transgresión nin ao espírito de vangarda”, aseguran.