DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O produtor Pepe Coira impartiu unha conferencia sobre o desenvolvemento de formatos televisivos

O negocio televisivo queda ao descuberto ante os futuros publicitarios

As decisións executivas marcan por completo a creación de proxectos audiovisuais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 28/03/2011

Semella que todo o mundo sabe de televisión, pero realmente moitos non son conscientes da súa visión de negocio. Debido á necesidade de que os futuros titulados de Publicidade e Relacións Públicas si coñezan “o seu backstage”, o profesor Alberto Dafonte convidou á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a Pepe Coira, produtor de gran percorrido no mundo do audiovisual en Galicia. Como ben aclarou o profesional, “a televisión está moi presente na nosa vida e por iso sentímonos grandes expertos, pero o certo é que está moi ben dotada para finxir ser o que non é, e depende totalmente do que queiran os altos executivos”.

Pepe Coira, coa súa conferencia Desenvolvemento de formatos televisivos, quixo deixar claro ao alumnado asistente “os aspectos básicos que moven ao mundo da televisión”. Así, á hora de crear un proxecto, “sexa de entretemento, de ficción ou documental” hai que adaptarse ás esixencias que a canle marque, “realizando un produto que se axuste ás necesidades da grella televisiva”, sen esquecerse “do grande intermediario que son os propios executivos das televisión onde hai que desenvolver o que eles queren que se faga”, subliñou. Así mesmo, aínda que desde fóra pode semellar que a elaboración dos contidos é o que máis peso acada no desenvolvemento dun produto, o certo é que “non se trata soamente de contar unha historia, hai que ter moi claros e definidos os medios que se van a empregar para contar esa historia”, resultando fundamental o equilibrio entre recursos e contidos, pois “as cousas hai que facelas, non soamente concibilas”, engadiu.

A serie costumista, formato de éxito

Recoñeceu que un dos mellores formatos que funciona entre a poboación galega é a ficción costumista, o que resulta “unha relación bastante extraordinaria e pouco común no panorama audiovisual español”. A clave atópase en que soen contar historias que teñen un alto grao de identificación co público xeral, resultando “un fenómeno no que nos reflectimos a nós mesmos”. Pero este éxito implica unha limitación pois “é difícil realizar seriais en Galicia que non exploten o das historias costumistas”, aclarou. Ademais das series de ficción, Pepe Coira tamén destacou o formato da serie documental, “moi pegada á realidade”. Programas como Callejeros, Españoles en el Mundo ou Hai que mollarse “están funcionando realmente ben na comunidade a pesar de que sexan recentes”.

Mais a pesar destas fórmulas de éxito que se foron consolidando nas grellas de televisión, Coira fixo especial fincapé no dito que di que “en televisión ninguén sabe nada” para concienciar da importancia de ter sempre presente “que proxectos nos que se tiñan dúbidas funcionaron, e outros nos que se estaba convencido do seu éxito, resultaron rotundos fracasos”.

O futuro da televisión marcada pola fragmentación

A fragmentación de audiencias que trouxo consigo a chegada da TDT e a súa grande oferta de canles “está ocasionando que xa non sexa obrigatorio pensar nun formato para todos os públicos o que abre novas posibilidade para a experimentación e a variedade”, explicou. Agora ben, a aparición de novos formatos televisivos tradúcese nunha diminución dos orzamentos ademais “da perda paulatina das audiencias millonarias indo cara un consumo máis individual”. Para Coira “a xente cada vez menos precisa das televisións, mais aínda non son quen de definir cara onde imos”, concluíu.