DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Camp desenvolverase ata o 9 de setembro, excluíndo agosto

Nenos e nenas toman o campus ao grito de “queremos divertirnos!”

Rugby, natación, fútbol, obradoiros, cine ou informática conforman o programa de actividades

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 14/07/2011
Mentres as portas dos colexios se pechaban e moitos rapaces e rapazas despedían aos seus amigos e amigas ata o curso que ven, outra porta se abría para os cativos: o Campus Camp. Con risas, gritos, amigos e moitas ganas de divertirse, os nenos e nenas de entre 3 e 13 anos tomaron as instalacións deportivas, as salas de informática ou as aulas audiovisuais do campus, co fin de facer de este verán unha época inesquecible e estando sempre baixo a vixilancia de profesionais. Ese programa de actividades, que xa vai pola sexta edición, ten por obxectivo permitir aos pais e nais conciliar a vida familiar cos seus labores profesionais na Universidade.

Os máis pequenos “pásano xenial facendo actividades manuais ou cociñando pratos sinxelos e divertidos xa que prefiren actividades que lles permitan desenvolver a súa creatividade”. Pola contra, os maiores “gozan das actividades ao aire libre como o rugby ou o fútbol, xa que se senten máis libres e independentes”, apunta Leticia Fernández, monitora do Campus Camp, mentres axuda aos nenos e nenas a pintar unhas ananás xigantes.

Un síntoma do éxito da iniciativa, que xa vai pola súa sexta edición, é que “moitos dos participantes de este ano xa estiveron noutras edicións e veñen con ganas de xogar ou de reencontrarse cos amigos”, mantendo valores como “a convivencia, o respecto ou a integración e facilitando as relacións entre eles á hora de facer as actividades en grupo”, afirma Yolanda Pereira, coordinadora das actividades. Os cativos están baixo supervisión constante, xa que todos os monitores que participan no Campus Camp “teñen unha formación específica en Ciencias da Educación, como técnicos en Animación Física e Deporte ou en Animación Socio-Cultural, valorando moi positivamente que teñan o título de monitor de tempo libre”.

Novidades

Ademais das xa clásicas actividades de éxito como a piscina, o rugby, as manualidades, o cine ou a informática, “introduciuse como novidade o fútbol para os nenos maiores de 7 anos, xa que en edicións anteriores sempre demandaban actividades de este tipo e ademais, un obradoiro chamado Ciencia Divertida, con fin de achegalos á disciplina dun xeito desenfadado”, apunta Yolanda Pereira.

Obxectivos e organización

“O obxectivo do Campus Camp é que os pais e nais que sexan membros da comunidade universitaria poidan conciliar a súa vida laboral e persoal nesta época de vacacións para os rapaces”, recorda David Basalo, xefe da Sección de Selección e Programas de Extensión Universitaria, que tamén apunta que “o éxito da iniciativa é considerable, xa que existe unha maior demanda ano tras ano, rozando os 220 participantes este ano”.

Tendo en conta as capacidades e inquedanzas dos nenos e nenas e co fin de que poidan gozar dunhas actividades acordes as súas preferencias, os participantes agrúpanse en catro grupos de idade, en quendas de 15 días non excluíntes.

Unha vez están as listas realizadas, asignase un monitor ou monitora por cada 10 ou 12 nenos en función do total e, no caso dos maiores, estipúlase un monitor cada 15 participantes, ademais de contar coa presenza da coordinadora, Yolanda Pereira, nas instalacións.