DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Augaventura chega a súa duodécima edición da man do Campus do Mar

Nesta primavera, a comunidade universitaria ponse a remollo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 13/03/2012

A mestura entre as temperaturas primaverais e os recursos naturais únicos dan como resultado un cóctel ao que poucos poden resistirse. Se a estes ingredientes se lle engade o toque de adrenalina que acompaña a deportes como, o rafting o surf ou o mergullo, obtemos Augaventura, o produto clave para pasar un cuadrimestre refrescante. Esta actividade promovida polo Servizo de Deportes, en colaboración con El Corte Inglés, acada este ano a súa duodécima edición e é xa un clásico para a comunidade universitaria, entre a que goza de grande aceptación e acollida. Desta volta, a organización buscou no Campus do Mar un parceiro para desenvolver conxuntamente un programa eminentemente acuático para amosar a outra faciana do eido mariño.

O deseño do programa responde á filosofía de poñer en contacto aos usuarios cos deportes acuáticos aproveitando a riqueza da contorna natural. “O medio acuático é o noso medio, por iso apostamos por este tipo de actividades tanto deportivas como de lecer” indica Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria. “Este ano imos con entusiasmo, incluso con ousadía e con esa imaxinación que acompaña en tempos difíciles. Por iso, o noso obxectivo principal é lograr a máxima participación, superando os 125 deportistas que se anotaron na edición pasada, a maioría deles mulleres”, puntualiza Costas.

A innovación como elemento clave

Tras 11 edicións dun programa deportivo, semella que pouco queda por facer, pero “a Universidade segue apostando por ir a máis, o que significa que este ano temos tres actividades novas como son o paddel surf e os bautismos de surf e vela” sinala Costas. Estas novidades súmanse ás cinco que se veñen ofertando tradicionalmente: rafting, surf, mergullo, rutas en canoa e a iniciación á vela lixeira.

Dado o éxito do programa e a alta participación doutros anos, “neste curso promovéronse actividades acuáticas previas nos meses de novembro e de marzo, que foron o xermolo desta duodécima edición de Augaventura”, aclara José Manuel Blanco, xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés. Como indica Alexandre Sanjorge, técnico de actividades deportivas do Servizo de Deportes, “somos conscientes de que hai que adaptarse aos tempos, atendendo ás demandas de toda a comunidade universitaria, coa gran sorpresa de que cada vez hai máis xente inscrita nas actividades deportivas en xeral. Nesta edición, e a pesar de que o prazo de inscrición aínda non está aberto, hai moita xente que xa está demandado prazas” .

Actividades, prazos de inscrición e prezos

As actividades deportivas de rafting, surf, mergullo, rutas en canoa, bautismo de surf, bautismo de vela, paddle surf e a iniciación á vela lixeira levaranse a cabo entre os meses de abril e maio. Este programa vai permitir á comunidade universtiaria achegarse ao medio mariño cunha visión lúdica, con percorridos en canoa polo esteiro do Miño, rafting en Arbo, surf na praia de Patos, vela e mergullo na Ría de Vigo e windsurf na praia de Rodeira, en Cangas.

Os prazos de inscrición varían segundo o deporte, pero todos eles pechan cunha semana de antelación ao inicio da actividade. O programa está destinado á comunidade universitaria, pero cada participante poderá matricularse cun acompañante alleo á institución académica, sendo sempre todo maiores de 18 anos. Os prezos son "adsequibles para que se poida apuntar todo aquel membro da comunidade universitaria que desexe participar. Por exemplo, as actividades máis económicas son mergullo e vela, cun prezo de 20€ ou paddel, padel surf e vela lixeira que poden custar entre 24 e 56€. A máis caras é mergullo, cun prezo entre os 222 e os 350€”, indica Xosé Henrique Costas. Os interesados terán que formalizar a inscrición no Servizo de Deportes de calquera dos campus.