DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Carlos Mejuto, decano da Facultade de Ciencias:

“Nestes últimos anos a facultade despegou significativamente tanto a nivel de calidade docente como investigadora”

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 25/06/2008

Juan Carlos Mejuto chegou ao decanato da Facultade de Ciencias hai cinco anos, tras impartir docencia no campus dende 1996. Afirma, sen dubidar, que non percibiu ningún cambio no alumnado neste tempo, e móstrase orgulloso da oferta académica coa que conta o centro que dirixe e que abrangue as titulacións de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Física e Enxeñaría Técnica Agrícola ademais dos posgraos oficiais en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, Fotónica e Tecnoloxía do Láser e Nutrición, así coma o máster en Viticultura e Enoloxía. A uns meses da celebración das eleccións na facultade e, a piques de poder volver ao seu laboratorio, onde declara sentirse máis a gusto, fai balance para o Duvi deste lustro de mandato.

Botando a vista atrás sobre estes cinco anos como decano da Facultade de Ciencias, que valoración fai?
Por un lado positiva porque creo que neste período a Facultade de Ciencias despegou significativamente tanto a nivel de calidade docente como investigadora. Por outra banda, o balance é negativo porque tamén foron uns anos de pequenas decepcións, de loitar contra situacións que moitas veces estaban en contra e de non atopar todos os apoios dos que se supón deben estar no mesmo bando ca ti e buscar os mesmos obxectivos.

Cales foron os principais proxectos que se levaron a cabo?
Puxemos en marcha o título propio en Ciencia e Tecnoloxía do Medio Ambiente e lanzamos o Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, un máster que ademais leva un doutoramento, porque somos unha facultade que imparte o título de doutor, algo que ata o de agora era exclusivo dos departamentos. Ademais, estamos inmersos en todo o que supón a transformación dos títulos do centro a Boloña, nun proxecto global no que pretendemos dedicarnos fundamentalmente ao que son os ámbitos agroalimentario e medioambiental.

Xa que fala de Boloña, como vai o proceso de adaptación ao EEES das súas titulacións?
Estamos en proceso de deseño e reestructuración dos plans de estudo. Imos comezar con Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e iremos facendo o resto paulatinamente. Asemade estamos reestruturando os másters que temos neste momento, xa que fomos da primeira fornada que puxo en marcha posgraos polo que algún deles ten unha estrutura pouco axeitada ao que hoxe se demanda de máster profesionalizante perfectamente diferenciado dun máster académico e dun máster de caracter investigador.

Precisamente hai uns días graduouse a primeira promoción dun dos másters oficiais, o de Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria. Pensaron na posibilidade de engadir algún máis á súa oferta de posgraos?
Neste momento, a facultade imparte tres másters oficiais: un máster en Ciencia e Tecnoloxía Alimentaria, un máster en Fotónica e Tecnoloxía do Láser, que ademais é interuniversitario e na miña opinión, é unha aposta clara no ámbito da Física, e un máster en Nutrición que comeza o vindeiro curso pola substitución da especialidade do máster de 2005 e a súa adaptación ao ámbito profesional. Neste momento estamos a traballar noutros proxectos en colaboración con empresas da provincia e a nivel autonómico e en colaboración tamén con outros centros, pero non podo desvelar as apostas ata que sexan firmes. Ademais, temos un máster en Viticultura e Enoloxía, que se ben neste momento non é oficial, si ten unha consideración bastante alta a nivel internacional, e nel participan 60 profesores de toda Europa e xa puxo no mercado case 50 especialistas no tema.

Á marxe da adaptación ao EEES o futuro tamén plantexa novos retos no eido da competitividade en I+D. Como o afronta unha facultade que se caracteriza pola súa aposta investigadora?
Nós simplemente facemos o que sabemos facer que é investigar. Estamos competindo en convocatorias a nivel autonómico, nacional e internacional e normalmente o segredo de que unha facultade como esta sexa un centro de referencia en investigación é basicamente estorbar o menos posible aos investigadores e darlles o que necesitan cando están a traballar. A política de non interferencia e un bo capital humano, son a clave.

Ademais da investigación, os estudantes que se titulan no ámbito científico, que saídas laborais teñen?
Creo que os datos de inserción laboral dos noso egresados están bastante ben. Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos é unha carreira que nestes momentos presenta unhas opcións laborais notables e Enxeñaría Técnica Agrícola ten tamén unha porcentaxe de emprego bastante alta, sobre todo grazas a que un enxeñeiro técnico agrícola serve para todo no medio rural. Física é unha titulación con moi poucos alumnos de entrada a nivel nacional e iso implica tamén moi poucos alumnos de saída, o que supón que incluso podería estar comprometido o relevo xeracional dos físicos nestes momentos. É una titulación que pon no mercado en Ourense non máis de dez persoas ao ano, e aínda que aquí non atopan facilmente traballo, se están dispostos a buscar fóra, hai unha oferta bastante ampla.

Noutra orde de cousas, xa para finalizar, son a única facultade da Universidade de Vigo que ten implantado o calendario de modalidade A, comezando antes as clases e rematando antes tamén. Que beneficios presenta sobre o tradicional?
Ese calendario foi unha proposta de Domingo Docampo, o anterior reitor, que estrutura moito mellor os cuadrimestres, sobre todo o primeiro que era un caos, cun montón de vacacións polo medio. Así dá máis liberdade ao alumno á hora de facer exames e sobre todo, a gran vantaxe que presenta é que garante que o estudante, como traballador que é, poida ter un mes de vacacións pase o que pase, que lle permita cargar as pilas e comezar un proxecto novo o ano seguinte. Nese sentido, o 90% do alumnado universitario deixa de ter vacacións o día que entra na universidade e non as volve ter ata o día que ten un emprego consolidado moitos anos despois. Este almanaque estrutura o estudo como a actividade humana que é e dalle un caracter perfectamente cíclico que permite fixar un proxecto, desenvolvelo e cerralo co período de descanso correspondente.

E como o acolleron os estudantes?
Levamos xa tres ou catro anos con el e o balance é bo, pero os alumnos, aínda que pareza mentira, son o sector máis conservador da Universidade. Quitando o primeiro ano, que foi de adaptación, a día de hoxe este calendario non implica ningunha modificación estatística nos resultados académicos do alumno, polo que non ten ningún impacto negativo sobre el, e si certas vantaxes.