DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolle o xoves o foro 'O network marketing como oportunidade de autoemprego'

O 'network márketing', unha oportunidade de negocio de baixo risco

O acto está enfocado a persoas con iniciativa emprendedora

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 05/12/2013

A oportunidade para “iniciar unha actividade empresarial con menos riscos e menor investimento” que constitúe o network marketing, un “innovador sistema” no que unha persoa se converte en asociado dunha empresa enfocada á venda a través da rede, será o eixo sobre o que xirará o vindeiro xoves 12 ás 19.00 horas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o Foro de Emprendemento O network márketing como oportunidade de autoemprego, dirixido por Pedro Figueroa, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Márketing.

No marco do camiño á especialización que supón a iniciativa do Campus CREA e baixo o lema precisamente de Crea para emprender e emprende para crear, desenvolverase o vindeiro xoves o primeiro de varios actos relacionados co mundo do emprendemento e enfocados non só ao estudantado, xa que, como explica Figueroa, o obxectivo desta iniciativa é abordar desde a universidade “cuestións que teñan influenza na contorna”.

Traballo en rede

De aí que o foro que o vindeiro xoves se desenvolverá desde as 19.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación estea dirixido tanto ao alumnado, como a "todas aquelas persoas con iniciativa emprendedora". Non en van, do que se vai falar é dun concepto “novo” en Galicia, pero xa “frecuente noutros países como Estados Unidos”, explica Figueroa, posto que o network márketing é unha “opción de emprendemento, moi orientada ao autoemprego”, na que es conxugan, relata, “tres aspectos importantes”; a venda directa, o comercio electrónico e o traballo en rede.

Do mesmo xeito que un empresario pode abrir un negocio que sexa á súa vez unha franquía dunha determinada compañía, no network márketing, as persoas “insírense como asociados” nunha empresa que opera sen tenda física, a través dunha plataforma electrónica, co obxectivo de traballar como “promotor” desta e contribuír á comercialización dos seus produtos e á ampliación da súa rede de asociados.

Trátase pois dun “sistema innovador no ámbito da distribución e a organización en rede”, ao que “calquera persoa” pode acceder coa idea de obter uns ingresos, explica o responsable deste foro, dado que “reduce o risco e as necesidades de investimento”, que constitúen hoxe en día “un dos grandes problemas do emprendemento”.

Experiencias en primeira persoa

Co obxectivo de contribuír á difusión desta alternativa empresarial, o foro do vindeiro xoves contará coa participación de tres “asociados networkers” que relatarán as súas experiencias ao público asistente; Néstor Ferrer, asociado de Sistema Boca&Boca; Enrique García, de Amway; e Levis Marcelino, de ACN.

Ademais, este acto contará tamén co participación de Pablo Cabanelas, profesor doutor do Departamento de Organización de Empresas e Márketing, quen encadrará o concepto do network marketing no campo das innovacións a nivel empresarial nun relatorio titulado O márketing, a rede e os novos modelos de negocio; e de Marta Bergadá, directora da Emisora Escuela de Networkers, quen explicará o funcionamento deste novo modelo nunha conferencia titulada O network márketing, unha oportunidade para emprendedores.