DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O especialista Jorge Alfredo Herrera-Pino participa en dous mestrados da Universidade de Vigo

A neuropsicoloxía une aos campus de Ourense e Pontevedra con Miami

O obxectivo da súa visita é tamén estreitar lazos académicos e investigadores

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/12/2012

A participación de destacados especialistas estranxeiros en mestrados universitarios é un aspecto especialmente enriquecedor para o alumnado e para os propios centros. Aos estudantes ofrécelle unha perspectiva nova sobre a súa área de especialización e ás universidades permítelle estreitar os lazos investigadores e académicos con outras institucións. A visita que estes días realiza o neuropsicólogo norteamericano Jorge Alfredo Herrera-Pino aos campus de Ourense e Pontevedra é un exemplo destas produtivas sinerxías.

Jorge Alfredo Herrera-Pino está estes días en Galicia como profesor no Máster Universitario de Necesidades Específicas de Apoio Educativo da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte de Pontevedra, coordinado por Ángeles Conde. Este xoves estivo tamén no campus de Ourense como poñente convidado ao Máster Universitario de Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, mestrado dirixido pola docente Mar García. Durante a súa visita a Ourense, o docente foi recibido por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e estivo acompañado por Mar García, Ángeles Conde e polo docente Antonio Maceira.

Incrementar a colaboración

Nas súas intervencións nos dous mestrados, Herrera-Pino puido compartir cos asistentes a súa experiencia como docente no Curso de Conduta Profesional da Universidade Internacional de Florida e sobre todo como director do Instituto Neurocondutal de Miami e do Departamento de Medicina Condutal do Medical Care Consortium Inc., da mesma cidade. Unha ampla experiencia profesional que o converte nun destacado especialista en neuropsicoloxía, en neurociencia cognitiva, en trastorno por déficit de atención con hiperactividade, en dificultades na aprendizaxe e en autismo.

Como director e profesor en diversos programas de doutoramento e de especialización en universidades de diferentes países suramericanos e en España, a súa participación en sesións de traballo na Universidade de Vigo ten tamén como obxectivo intercambiar información sobre os programas de especialización e doutoramento coa finalidade de mellorar os contidos dos citados mestrados de Ourense e Pontevedra e de realizar no futuro convenios para promover a mobilidade de estudantes e de profesores, alén de iniciar liñas de investigación conxuntas.