DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A neve acompaña á comunidade universitaria na volta á actividade

As folerpas caídas o domingo duraron ata hoxe no campus vigués

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 11/01/2010

As baixas temperaturas rexistradas esta pasada noite na cidade de Vigo permitiron que, de volta á vida cotiá no campus tralas vacacións de Nadal, a comunidade universitaria gozase dunha inusual estampa branca. As folerpas caídas nas zonas altas da cidade durante o domingo continuaban intactas esta mañá amosando un aspecto claramente invernal das instalacións universitarias e dos montes próximos, entre eles, o Galiñeiro completamente branco.
Xa ao longo do día de onte foron moitos os curiosos que se achegaron ao campus para poder ver de preto unha neve nada habitual tan preto da costa, pero a sorpresa foi para moitos chegar esta mañá, despois das festas, a un campus nevado. Aínda que o sol da mañá derreteu boa parte de neve acumulada, non impediu que algúns de entretivesen facendo bonecos no que é o primeiro día lectivo dende o día 21 de decembro, data na que comezaron as vacacións para os estudantes da Universidade de Vigo.
Unha nevarada desta intensidade non se rexistraba en Vigo dende o ano 1987, aínda que no campus universitario adoita, case todos os invernos, caer algunha folerpa que, a diferenza desta ocasión, non calla máis aló duns minutos.