DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Polbo, churrasco e mesmo un home orquestra acentuaron o carácter de romaría tradicional da festa

Nin a choiva nin os lóstregos son quen de apagar o espírito festivo do San Teleco

As celebracións comezaron hai varias semanas e incluíron unha campaña de doazón de sangue

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 24/10/2012
A choiva, o vento e mesmo os lóstregos acompañaron a tradicional romaría de San Teleco coa que o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación festexa o seu patrón. Ao igual ca o curso pasado o mal tempo baixou o número de adeptos a unha festa enxebre na que non faltou nin a música nin a comida recen feita. Ao abrigo dunha carpa situada no exterior da escola a festa converteuse en punto de encontro entre compañeiros da escola, coñecidos do campus e amigos doutras promocións que quixeron render os seus respectos a un dos patróns máis aclamados polos estudantes.

Polbo, empanada, churrasco e bocadillos acompañados de bo viño e cervexa, foron o prato forte dunha festa que se iniciou no vestíbulo da escola coa lectura do pregón e o xa tradicional grito de guerra de “viva San Teleco”. Logo “entre bategada e bategada”, como subliñaron dende a organización, procesión ata a carpa e “festa rachada”. O mago Pedro Bugarín encargouse de pór a nota máis humorística e o resto do espectáculo correu a cargo da Orquestra Pantasma, un dos poucos homes orquestra que queda en Galicia e un auténtico especialista en interacción co público, que, dotado de bombo e acordeon, ademais doutros instrumentos inventados por el mesmo, rememorou o gaiteiro ou acordeonista que reúne a xente ao seu arredor.

Deporte, videoxogos, solidariedade... a outra cara da festa

Convertida nunha das festas máis populares do campus, San Teleco 2012 é froito do grande esforzo feito polos compoñentes da organización, un equipo de preto de vinte alumnas e alumnos de diferentes cursos de Enxeñaría de Telecomunicación que unidos pola fe ao santo non escatiman esforzos para que no día grande todo saia a pedir de boca.

A celebración de San Teleco 2012 arrincou xa hai varias semana cos tradicionais campionatos deportivos de fútbol 7, tenis de mesa e baloncesto 3x3, ademais dos torneos de videoxogos “unha parte importante da vida de todo teleco”(FIFA 12, Counter Strike, League of Legends, PES 2011, Mario Kart e Super Smash Bros Brawl) e de cartas “o deporte por excelencia universitaria”, como ironizaron dende a organización.

Ademais, aproveitando estas datas de festexos e diversión, este luns e martes subiu á escola un autobús do Centro de Transfusión de Galicia, unha visita que xa é unha tradición e coa que o ano pasado se lograron preto de 200 doazóns. “Este ano aínda non temos cifras definitivas pero todo apunta que imos bater o récord”, subliñaron os organizadores, que destacan que se trata “dunha boa oportunidade para que o alumnado da escola amose a súa solidariedade”.