DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nina Berova premiada por toda unha vida dedicada á ciencia

A Universidade recoñece á investigadora pola súa dilatada carreira científica

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Sara Alcázar DUVI 18/12/2009

O obradoiro SpecBioTools sobre técnicas espectrópicas avanzadas en investigación biomolecular chegou este venres ao seu fin. Os relatorios desta derradeira xornada centráronse principalmente na técnica da resonancia magnética nuclear (NMR) e as súas aplicacións co fin de ilustrar aos asistentes sobre as posibilidades que ofrece este método en distintos ámbitos, como por exemplo no eido dos medios audiovisuais, tal e como expuxo João Rocha, director do Centro de Investigación de Cerámica e Materiais Compostos de Aveiro (CICECO) durante a súa intervención. No acto de clausura, Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, agradeceu aos asistentes e relatores a súa participación nestas xornadas, salientando que “foi unha honra para a Universidade de Vigo ser a sede deste encontro internacional e recibir aos principais investigadores na ciencia da espectroscopía. Espero que todas as contribucións realizadas nas sesións fosen útiles para todos e que atopásedes na nosa Universidade un lugar interesante para estar e investigar”. Iván Area tamén destacou o labor da Facultade de Química, profundamente involucrada no estudo da espectroscopía, agradecendo particularmente o esforzo do decano, Luis Muñoz e a organizadora do evento, Magdalena Cid, que entregou como agasallo aos poñentes da xornada un libro de pintura de Pedro Solveira. O encontro concluíu coa entrega do premio a Nina Berova pola súa dilatada carreira científica.

O recoñecemento dunha brillante carreira científica

A profesora da Universidade de Columbia, Nina Berova, converteuse na protagonista estrela da xornada ao recibir un premio da Universidade de Vigo en recoñecemento a toda unha vida dedicada á ciencia, especialmente ao mundo da química. A investigadora dedicou gran parte da súa actividade académica á promoción de técnicas espectroscópicas, como o dicrosísmo circular e á achega de numerosas propostas teóricas e experimentais reflexadas en varias publicacións, como Dicroísmo Circular: Interpretación e aplicacións, da que é coautora, ademais de encargarse da edición da revista Chirality. Todo este traballo científico e investigador fixo a Berova merecedora deste recoñecemento. Iván Area foi o encargado de entregar o premio á profesora de Columbia en nome da Universidade, argumentando que “é unha grande honra para nós contar coa presenza dunha das investigadoras máis importantes no campo da estereoquímica orgánica e a espectroscopía quiróptica”. Berova amosouse moi emocionada por esta inesperada homenaxe, na que recibiu un presente consistente nunha peza de Sargadelos, un agasallo típico de Galicia co que non esquecerá a súa estancia en Vigo.