DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No desfile de Esdemga tamén foron premiadas as coleccións de Sabela Juncal e Bibi Cereijo

Noemí Montenegro triunfa en Debut 2021 cunha homenaxe á súa avoa

21 titulados e tituladas nos últimos dous anos presentaron os seus proxectos finais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/11/2021

Unha colección que presenta como unha homenaxe a súa avoa, inspirada nas lembranzas que garda da súa figura, converteu este xoves á egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Noemí Montenegro na gañadora do premio ao mellor deseño e creatividade de Debut 2021, o desfile no que os novos titulados e tituladas de Esdemga presentan as coleccións que constitúen os seus traballos de fin de estudos. Despois de que a covid-19 impedise a súa celebración o pasado ano, o Pazo da Cultura acolleu a edición deste desfile con maior número de proxectos finais, un total de 21, entre os que se atopaban tanto os traballos de fin de mestrado defendidos nos últimos meses como unha selección dos defendidos o pasado curso e que a pandemia impedira estrear sobre a pasarela do Pazo da Cultura. 

Xunto a 78.17 MB, a colección coa que Montenegro se alzaba cun premio cunha dotación económica de 3000 euros, outorgado por Setga, o xurado de Debut 2021 tamén recoñeceu as coleccións de Bibí Cereijo e Sabela Juncal cos dous novos premios que estreaba o desfile. A primeira foi recoñecida polo seu proxecto de fin de estudos Les Années Passent co galardón á colección con maior valor artesanal, impulsado grazas á colaboración da Xunta, a través de Artesanía de Galicia e o Xacobeo, mentres que Juncal alzouse co premio Digipress Epson á mellor aplicación en moda de técnicas de sublimación por Condominio.

“Esta é unha noite de emocións e, sobre todo, unha noite de celebración de tantos estudantes que neste período e nestas circunstancias foron quen de rematar os estudos e as súas coleccións dunha forma marabillosa”, salientaba a directora de Esdemga, Lola Dopico, ao inicio dun desfile que, por mor da pandemia, tivo que reducir o seu aforo a 800 persoas e que puido seguirse en directo a través da rede. Ademais de combinar a titulados e tituladas dos dous últimos cursos, a que foi a décimo cuarta edición de Debut combinou a presentación de traballos finais do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda como proxectos presentados o pasado curso na que foi a última convocatoria dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, o título propio ao que substitúe o actual mestrado. 

A figura da “muller traballadora galega”

“Non o esperaba para nada, é a guinda do pastel, o culme a toda a miña carreira estudantil”, salientaba Montenegro tras alzarse co primeiro premio por unha colección que define “como unha homenaxe a miña avoa, á súa figura e á memoria que teño dela”. 78.17 MB, explica, ten como punto de partida a súa propia indagación sobre unha serie de “recordos que por algún motivo quedaron na miña cabeza”, e que a levaron a construír unha colección a partires desas lembranzas “da súa forma de falar, de vestir, doe como vivía o día a día, de como pasou o loito..., todas esas épocas que marcárona a ela e que dalgunha forma marcáronme a min”, sinala. Nese senso, a gañadora de Debut 2021 recoñece que se ben a figura da súa avoa é o punto de partida dunha colección que construíu, nun contexto de pandemia, “con tecidos reciclados ou doados”, o seu proxecto alude tamén a unha figura “coa que moita xente pode sentirse identificada, a da muller traballadora galega”. Neste punto, Montenegro recoñece o interesante “de que a xente se identifique” cunha proposta que agarda poder seguir explorando, á vez que agarda que este premio sirva de axuda de cara ao inicio da súa traxectoria profesional no eido do deseño de moda.  

21 proxectos finais

Un xurado integrado por Tiziana Domínguez, directora creativa de Adolfo Domínguez; Olga Liggeri, directora xeral da revista Vanidad; Helena López de Hierro, directora do Museo del Traje de Madrid, e a consultora de moda Celeste Chipperfield, encargouse de avaliar as 21 coleccións que optaron aos tres premios do desfile. Múltiples técnicas, motivos e influencias combináronse nunha pasarela na que puideron verse desde proxectos sustentados na impresión 3D ata creacións inspiradas no mundo acuático, nas mudanzas, nas viaxes en autobús ou no imaxinario visual asociado aos estereotipos de xénero, pasando por proxectos que tiñan como punto de partida unha cerimonia tradicional do Ecuador, a estética e as músicas do Caribe ou a iconografía asociada ao turismo de sol e praia. 

En total, puideron verse sobre a pasarela 13 traballos de fin de mestrado, os defendidos nos últimos dous cursos por Patricia Arellano, Mireia Bruguera, Lucas Cabaleiro, Javier Cuervo, Natalia Diéguez, Marta García, Denise Peña, Santiago Proaño, Alejandro Sierra, Ting Ting Hu e Sergio Villasante, xunto cos de Montenegro e Juncal. Por outra banda, aos premios optaron tamén os últimos oito proxectos fin de estudos do título propio de Esdemga; as coleccións que presentaron María Alborés, Inés Charre, María Lázara, Candela Novoa, Naiara Gómez, Nerea Rodríguez, Noemí Vidal e a galardoada Bibi Cereijo.

55 traballos sobre a pasarela

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os vicerreitores de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e do campus de Pontevedra, Jorge Soto, formaron parte das e os asistentes a un desfile que se completou cun segundo bloque dirixido a presentar outra serie de coleccións desenvolvidas o pasado ano por alumnado de primeiro curso do mestrado. Así,sumados aos traballos finais, foron un total de 55 os proxectos que o estudantado de Esdemga presentou nun evento que puña fin a unha semana de actividades centradas na moda. Previamente, na mañá deste xoves, o Pazo da Cultura acolleu as Xornadas Técnicas de RRHH, nas que os novos titulados e tituladas que horas despois estrearían as súas coleccións no desfile mantiñan as súas primeiras entrevistas con responsables de recursos humanos de diferentes empresas do sector.