DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres presentan no XI Festival de Cans o videoclip que rodaron co grupo A Familia Caamagno

Noite de estrea para sete estudantes de Comunicación Audiovisual

O proxecto 'Can Campus' permitiu ao alumnado vivir unha primeira experiencia profesional de rodaxe

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 23/05/2014

É tempo de proxeccións e desfiles de chimpíns na parroquia porriñesa de Cans, onde desde este mércores se desenvolve a décimo primeira edición dun festival de cine que reúne a nomes como Gracia Querejeta, Karra Elejalde, Alfonso Zarauza ou María Bouzas. Un evento no que tamén terán un papel protagonista sete alumnos e alumnas do grao en Comunicación Audiovisual, que na noite deste venres estrean no festival o videoclip que a comezos de mes gravaron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e na propia aldea na que se desenvolve o certame, no marco da cuarta edición do proxecto Can Campus.

Froito da colaboración entre a facultade e a organización do festival, Can Campus permite ao alumnado do grao en Comunicación Audiovisual vivir a experiencia dunha rodaxe profesional, ideando, gravando e montando eles mesmos o videoclip dunha banda emerxente galega. Neste caso foi A Familia Caamagno a formación escollida para un proxecto coordinado polo profesor Oswaldo García, coa colaboración de Juan Lesta e Belén Montero, “dous profesionais con experiencia na gravación e produción de videoclips". Ambos, relata o docente, "realizaron un seguimento de todas as fases do proxecto”, desde o guión inicial ou a planificación previa ata o propio proceso de montaxe. En cada paso, os estudantes participantes no Can Campus recibiron os consellos e recomendacións dos coordinadores desta iniciativa, co obxectivo “de intentar profesionalizar todo o proceso, pero tendo en conta sempre que os autores son eles”, como salienta García.

Así pois á autoría final de Rantamplan, o vídeo que este venres se exhibirá por primeira vez no Torreiro de Cans corresponde á directora Patricia Penide; ao axudante de dirección, Bernabé Carrillo; á produtora, Verónica Aceves; aos directores de fotografía Gabriel Lamela e Paola Carballo, á directora de arte Nuria Muñoz e á responsable montaxe María Ortega. Sete estudantes que, como relata esta última, viviron no Can Campus “unha experiencia moi interesante, que recomendamos, xa que, aínda que acabamos esgotados porque foi difícil de compaxinar coas clases, apréndese moito".

Rodaxe na facultade

Como explica García, este proxecto pretende tanto dar resposta “ás necesidades do alumnado de comezar a experimentar en contornas profesionais, aínda que controladas academicamente”, como de servir de promoción a grupos noveis e ás propias entidades impulsores do Can Campus. Por iso, un dos obxectivos que deben cumprir os vídeos é que a súa trama se desenvolva na aldea de Cans, uns dos escenarios de gravación obrigados, xunto coa propia Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. De aí que o plan de rodaxe incluíse tanto unha xornada de gravación nun plató do centro, onde se realizou a parte correspondente ao playback do grupo protagonista, como outro día de rodaxe en Cans, para o que os estudantes contaron coa colaboración da veciñanza. “A verdade é que tivemos sorte co tempo e os veciños foron moi agradables”, recorda Ortega, que adianta algo da trama do vídeo que este venres se poderá ver por primeira vez e no que se narra o “camiño cara a vida sa dun veciño que quere pórse en forma para o festival, xa que se imaxina a si mesmo como unha estrela de cine. Despois xa se verá se lle gusta a súa nova vida ou non...”

"Isto é o que sabemos facer"

Xunto coa formación que lles achega traballar baixo a supervisión de experimentados profesionais, o Can Campus proporciona o alumnado a posibilidade de poder presentar os seus traballos "na pantalla grande dun festival”, como destaca García. “Os traballos están feitos para que se vexan e así poder ter un feedback do público que non obteñen por internet”, engade o coordinador desta iniciativa, que recalca a importancia que ten para os estudantes acudir a Cans, “non en calidade de público, senón a presentar a súa obra e compartir impresións cos profesionais do sector”. Por ese motivo, incide no valor que terá para eles unha experiencia que recordarán nun futuro, a do "momento no que tiveron a moita xente diante mirándolles e lles dixeron "isto é o que sabemos facer”.

Claro que ese momento tamén suscita certa inquedanza entre os autores do proxecto. “O grupo xa puido velo e dixeron que lles gustara”, apunta Ortega, que recoñece que se atopan “nerviosos pola estrea”. Mais con independencia de como reciba Rantamplan o público de Cans, o vídeo xa ten unha primeira crítica positiva, a do propio Oswaldo García. “É un videoclip que de ritmo funciona ben, sen grandes erros, que podería perfectamente emitirse por televisión”.