DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En homenaxe á pedagoga do século XIX que destacou polo seu feminismo

O nome de Concepción Sáiz Otero para a Escola Infantil do campus

A iniciativa forma parte da programación co gallo do Día Internacional da Muller

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 11/03/2014

Nos últimos anos, diferentes salas e edificios do campus de Ourense veñen de ser nomeados co nome de galegas ilustres, como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal, co obxectivo de visibilizar e valorizar o papel das mulleres na historia. Coetánea destas dúas últimas é a pedagoga Concepción Sáiz Otero que, a pesar de non gozar do recoñecemento público das súas predecesoras, está considerada unha referencia obrigada en relación coas orixes do feminismo en España e coa loita pola igualdade no ensino. Por este motivo, o seu nome é desde agora o nome da Escola Infantil do campus de Ourense.

Xusto recoñecemento

O nomeamento do centro tivo lugar este martes nun acto que contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus; Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense; Margarita Martín, tenente alcalde do Concello de Ourense, e outras autoridades e membros da comunidade universitaria. “Hoxe é un día feliz pois vamos pór o nome desta destacada pedagoga do século XIX á nosa Escola Infantil, un nomeamento que servirá para lembrar e recoñecer a súa figura e relevancia histórica”, destacou María Lameiras. Trala descuberta da placa no exterior do centro, no seu interior os nenos e nenas puideron compartir coas autoridades e membros da comunidade universitaria presentes unha sesión de contos e cancións a cargo de Sabela Gago, actriz e docente nas Aulas de Teatro do campus, e Susa Herrera, profesora do campus de Ourense cunha dilatada traxectoria en libros musicais para rapaces e rapazas.

Tamén houbo tempo para que a docente da Universidade de Vigo e experta en temas de xénero Purificación Mayobre esbozase un pequeno perfil da homenaxeada, destacando como Concepción Sáiz “merece un lugar destacado na historia polas súas achegas á pedagoxía e á psicoloxía da educación das mulleres”. Nada en 1851 en Santiago de Compostela, esta pedagoga loitou contra unha realidade decimonónica na que homes e mulleres estaban segregados nas aulas e a educación das mulleres estaba relagada a un segundo plano. Mestra na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio de Madrid, medalla Alfonso XII, Sáiz Otero foi autora de obras como Un episodio que no escribió Galdós. La revolución de 1868 y la cultura femenina e Cartas pedagógicas.

Máis programación co gallo do 8 de marzo

A programación co gallo do 8 de marzo no campus de Ourense tamén incluíu este martes o arranque do Ciclo de cinema: a muller na historia, no que se proxectarán durante un mes diferentes películas relacionadas con diferentes aspectos da igualdade e nos que cada visionado estará complementado cunha conferencia dun docente universitario. Nesta primeira sesión, os asistentes puideron ver a obra Pago justo, de Nigel Cole, que foi comentada polo docente Miguel Rodríguez. A programación deste martes tamén contou coa conferencia de María Josefa Yzuel Giménez titulada Muller e ciencia: a miña perspectiva persoal. Profesora emérita do departamento de Física da Universidade Autónoma de Barcelona, Yzuel ten destacado polos seus méritos académicos pero tamén pola súa defensa da igualdade na ciencia. Os actos co gallo do Día Internacional da Muller continuarán no campus de Ourense ata o día 11 de abril.