DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras presentar a súa tese no campus de Ourense, David Novoa continúa o seu traballo no CLPU de Salam

Un nome galego para a investigación mundial en láser

Está considerado unha das grandes promesas científicas formadas na Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 19/01/2012

Polo seu currículo e polos que foron os seus docentes e compañeiros, David Novoa está considerado un dos investigadores máis brillantes e con maior proxección de futuro dos formados na Universidade de Vigo. Na súa tese de doutoramento, presentada no campus de Ourense, describiu por primeira vez de xeito teórico un novo estado da luz, a luz fermiótica, e realizou a primeira proposta realista para a observación en laboratorio de este estado, descuberto xunto aos investigadores Daniele Tommasini e Humberto Michinel. Agora, desde o Centro de Láseres Pulsados Ultracortos Ultraintensos de Salamanca CLPU, continúa este traballo incorporándose á primeira liña mundial de láser e investigando a propagación e aceleración de partículas con esta tecnoloxía en proxecto de aplicación directa na mellora das terapias oncolóxicas.

“En xullo presentei a miña tese de doutoramento na Facultade de Ciencias e en setembro xa me incorporei ao CLPU, destino que elixín entre outras opcións pola oportunidade de participar na súa xénese desde o principio, pois foi creado recentemente, e porque me permitía traballar en investigación no meu campo dentro de unha institución de primeiro nivel mundial”, explica David Novoa. Neste centro amplía o traballo investigador realizado na Universidade de Vigo e que culminou na súa tese, onde contribuíu ao avance en dous sistemas fundamentais da física moderna, como son os gases atómicos ultrafríos e os feixes láser que se propagan en medios ópticos non lineais. Cos resultados da súa investigación abriu a posibilidade de mellorar os sistemas de comunicación óptica, os que empregan a luz como medio de transmisión, xa que as ondas non lineais nas que afondou na súa tese viaxan sen deformarse e polo tanto non perden información durante o traxecto.

Avances médicos en terapias oncolóxicas

Os recursos tecnolóxicos do CLPU, instalación cientifico-técnica singular, permiten a David Novoa avanzar na súa investigación. “Concretamente, agora estou a desenvolver unha liña sobre a análise das propiedades que adquiren os pulsos de luz láser moi intensos cando viaxan a través de distintos materiais, como a atmosfera, a auga ou incluso o baleiro”, destaca o investigador. Estes estudos, explica, teñen numerosas aplicacións no eido das comunicacións ópticas, a química, a tecnoloxía ambiental ou a medicina, polo uso xeneralizado nelas de técnicas de láser. “Entre o traballo que estou a realizar gustaríame salientar especialmente os proxectos de aceleración de partículas con láser, xa que os seus resultados teñen unha aplicación directa na optimización de terapias oncolóxicas”, destaca Novoa. De cara a obtención de resultados, o científico salienta o feito de que a partires do ano 2013 o CLPU contará cun dos láseres máis potentes do mundo e único polas súas características, o láser de petavatio VEGA.

Ademais do aspecto puramente científico, o investigador está a participar na definición das liñas estratéxicas que gobernarán as actividades do centro nos vindeiros anos, na actividade xeral do CLPU, no Máster en Ciencia e Tecnoloxía dos Láseres que se imparte en Castela e León e na plataforma ELI, que traballa para que o láser máis potente do mundo se instale no Estado español. Entre o traballo científico e a xestión, Novoa advirte da importancia de que na investigación “se fomenten dúas vertentes claras, o avance da ciencia básica e o desenvolvemento e transferencia de tecnoloxía”.

Os camiños da investigación... e da música

Lamentando as poucas oportunidades que teñen os investigadores para desenvolver o seu traballo en Galicia, David Novoa salienta que tras a súa formación superior na Universidade de Vigo “quédame agora un longo camiño por diante para completar a miña formación como investigador, tanto en España coma no estranxeiro, e para seguir medrando como científico. Aínda que no futuro non descarto volver á Universidade para dedicarme á investigación e á docencia, en estes momentos é un privilexio poder dedicarme profesionalmente ao que me apaixona e para o que me formei sen ter que irme a miles de quilómetros de distancia da casa”. Mentres ese futuro chega, “agora mesmo o meu gran reto e ao mesmo tempo privilexio é contribuír a que o CLPU funcione e se consolide como un referente mundial en esta tecnoloxía”, apunta.

Ademais da colaboración científica habitual entre centros e como anécdota, David Novoa salienta que a súa última colaboración coa Universidade de Vigo non é froito do seu traballo investigador, senón musical, a súa segunda gran paixón. De este xeito vén de participar no proxecto de divulgación científica da Universidade de Vigo Science and Cook, onde as cancións do grupo que lidera, Ergom, constitúen a banda sonora do proxecto e dos seus vídeos. Creatividade e ciencia, sinala o investigador, teñen moito que ver.