DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derradeira conferencia de ciclo ‘De promesa a realidade’

“Se non atopas traballo, unha das vías máis interesante é que o inventes”

José Manuel Mouriño, investigador e egresado de Belas Artes, recomendou mergullarse canto antes na r

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 12/04/2013
Francisco Prieto e Cristina Rodríguez | Pontevedra
Desligarse da facultade o antes posible, porque “acomodarse baixo o seu paraugas ofrece unha realidade deformada”. Esa foi unha das recomendacións de José Manuel Mouriño, investigador, ensaísta, comisario, cineasta galego e egresado que protagonizou a derradeira xornada do ciclo de conferencias ‘De promesa a realidade’ ás que deu acubillo a Facultade de Belas Artes durante as últimas semanas. O ex alumno tivo a oportunidade de compartir cos asistentes a súa traxectoria profesional e de presentar a última investigación na que está traballando.

Tras rematar a carrerira e especializarse no campo do deseño audiovidual, no ano 2009 Mouriño entrou a formar parte da Fundación Luis Seoane, unha entidade que está levando a cabo “unha labor bastante loable” na investigación e divulgación da obra e do legado intelectual do debuxante, pintor, gravador e escritor galego de adopción.

Cos pés na terra

Para Mouriño, actualmente en Galicia segue a existir unha falta de tradición e valoración do artista e de todas as persoas mergulladas neste mundo, chegando ao punto de poder dicir que “o creador é unha persoa menosprezada na nosa terra porque non fai unha vida real". Por iso aconsella ir afastándose pouco a pouco do acubillo da facultade porque en moitas ocasións produce “aillamento”. “Os alumnos e alumnas teñen moitas posibilidades na institución, pero fóra dela atópanse moitas veces con que o que teñen que ofrecer á sociedade é algo co que non contan”, asegura Mouriño, para quen “a día de hoxe as axudas en cultura non son favorables para o sector, polo que hai que buscar o xeito de saír adiante, o xeito de arriscar”.

O cineasta fixo un especial fincapé no concepto de perigo. “Se non arriscas e ofreces á xente algo do que teña necesidade, probablemente a sociedade non cho porá nada sinxelo”, sinalou. Para o investigador, creador e egresado é fundamental “establecer un punto intermedio entre o risco de caer no convencional e de que non te entendan”, unha loita continua que está a experimentar unha confrontación co mercado laboral. “Temos que pensar que é o que a nova vocación pode achegar á sociedade para que a xente o acepte”, subliñou.

A investigación

Unha vez que acabou a carreira, Mouriño seguiu ligado á Facultade de Belas Artes pola investigación, á que está vinculada toda a súa produción. A piques de rematar a súa tese de doutoramento, para Mouriño a idea da investigación a todos os niveis “é algo que non nos vai a abandonar nunca. A nosa vocación é unha lambetada para todo o mundo e vas ter que demostrar que a túa obra está por riba da do resto”.