DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os campus de Ourense e Vigo acollerán un curso sobre competencias horizontais

Non só con coñecementos académicos se acada o éxito

A intelixencia emocional, a motivación e o traballo en equipos serán algúns dos temas a tratar

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 19/02/2013

Intelixencia emocional, empatía, liderado, traballo en equipo... son conceptos cada día máis manexados á hora de falar da formación e das habilidades que se buscan nun bo profesional. Son as chamadas competencias horizontais, competencias que non forman parte dos coñecementos específicos dunha área de coñecemento pero que é necesario ter ou adquirir para ter éxito no eido profesional e incluso persoal. O campus de Ourense e o de Vigo acollerán en marzo e abril un curso destinado a mellorar estas aptitudes entre o alumnado universitario.

O curso, titulado Competencias Horizontais, está organizado pola Área de Emprego da Vicerreitoría de Transferencia de Coñecemento, financiado polo Consello Social da Universidade de Vigo e R e conta coa colaboración no campus de Ourense da súa vicerreitoría. “O obxectivo desta iniciativa é abrir os ollos aos asistentes sobre a importancia que ten na súa vida profesional, pero tamén persoal, dominar estas habilidades. Non chega con ter coñecementos académicos. Cada día máis no eido laboral traballamos en proxectos máis complexos nos que participan máis axentes e hai que saber ter empatía, negociar, traballar en equipo e outra serie de cuestións que non están incluídas no currículo académico”, destaca José Ignacio Armesto, director da Área de Emprego da Universidade de Vigo.

Si se pode mellorar

A iniciativa, que se celebra por segundo ano consecutivo, terá lugar do 1 de marzo ao 12 de abril en Ourense e do 8 de marzo ao 19 de abril en Vigo, sendo en ambos casos o programa e os relatores similares. Ao longo dos días de celebración os asistentes, un máximo de 25 estudantes por campus, afondarán en cuestións como a intelixencia emocional, o autocoñecemento, a motivación, o liderado, as habilidades sociais e a felicidade no traballo. “Nas nosas capacidades horizontais hai unha parte de herdanza xenética, unha parte froito da contorna na que nos desenvolvemos pero tamén hai unha porcentaxe non insignificante que podemos e debemos educar e nesa liña camiña este curso complementario”, comenta o director da Área de Emprego da Universidade. Segundo salienta José Ignacio Armesto, os coñecementos son a base dun profesional, pero o dominio das habilidades emocionais e comunicativas pode ser un factor de discriminación e de elección dunha persoa fronte a outra con similar formación. “Un profesional pode ser o mellor na súa área pero se logo non é capaz de traballar co seu equipo, se non sabe comunicar as súas ideas ou se é incapaz de integrarse na empresa non serve de nada”, subliña.

Para o alumnado universitario inscrito e para todas as persoas que teñan inquedanzas nesta materia, o primeiro día de traballo celebrarase unha sesión de libre acceso cunha conferencia a cargo dun experto en recursos humanos e unha mesa redonda na que empresarios da contorna amosarán a importancia que lle dan ás competencias horizontais á hora de escoller persoal e cales son as habilidades que máis demandan. As sesións estarán impartidas por Belén Varela, presidenta da Asociación Española de Dirección e Desenvolvemento de Persoas, e diferentes responsables de R, como son Santiago Vázquez, de dirección de persoas; Carmen Vázquez, de innovación e proxectos de recursos humanos; Teresa Molezún, de desenvolvemento profesional, e Marcela Domínguez, de relacións laborais. Por último, para aquelas persoas que se queiran facer unha idea máis aproximada dos contidos deste curso, o seu responsable aconséllalles botar un ollo ás gravacións realizadas na súa primeira edición e que están dispoñibles na canle de emprendemento de UVigo Televisión.