DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Meir Margalit, fundador do Comité Israelí contra a Demolición de Casas:

“Non haberá paz no Medio Oriente ata que Xerusalén sexa dividida”

O activista ofreceu un relatorio no marco da programación da Intercultural

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 19/05/2010

“Non haberá paz no Medio Oriente hasta que Xerusalén sexa dividida”. Así o subliñou Meir Margalit, fundador do Comité Israelí contra a Demolición de Casas, no relatorio que ofreceu este martes no Liceo con motivo da Intercultural. Con todo, o pacifista revelou que esta cidade “é indivisible”, un paradoxo para o que o movemento que lidera ten unha fórmula creativa. Segundo explicou, “propomos unha división funcional e non territorial, para facer de Xerusalén unha cidade unida con dúas municipalidades: unha palestina e a outra israelí”. Margalit amosouse “convencido” de que con creatividade e con boa intención se solucionan os problemas e subliñou a súa crenza “nunha cidade unificada que sería a capital de dúas nacións”.
Xerusalén ocupou unha boa parte do relatorio de Margalit por ser “un conglomerado de mundos, de planetas que circulan por órbitas distintas, por camiños paralelos onde hai moito roce pero onde nunca hai un encontro”. Eses dous planetas aos que facía referencia o poñente son os pobos israelí e palestino, “que só teñen en común odio e sufrimento cando a realidade amósaos como dous mundos entrelazados no que un se converte en escravo do outro”, sinalou.

A forza que emana da debilidade

Na súa intervención o pacifista explicou as diferenzas que existen entre estes dous mundos: a liberdade da que gozan os israelís “atormentados, sen embargo, por miles de pantasmas que non lles dan descanso como a Europa de Auschwitz” e a falta de movementos que preside a vida dos palestinos, “que carecen de armas pero que están dotados dunha forza máis potente que é a que emana da debilidade para afrontar as intemperies”. Asegurou Margalit que estes dous pobos “pretenden eliminarse o un ao outro sen entender que os dous perden” e revelou tamén que, a pesares de ter raíces en común, “descoñécense e ódianse mutuamente”.
Na actualidade viven en Xerusalén uns 800.000 habitantes dos que 280.000 son palestinos. O pacifista subliñou que estes son residentes, unha realidade que definiu como “vergoñosa xa que supón unha discriminación racial” e que ten repercusións en temas tan importantes como as eleccións xa que poden votar para o municipio pero non para o Parlamento. Con todo os últimos estudos demográficos sinalan que o pobo palestino, que hoxe é o 35% da cidade, será maioría a partir do ano 2015 e esta realidade é, segundo Margalit, un dos factores que máis atemoriza ao goberno israelí, “que está a levar adiante unha política de presión para que os palestinos deixen a cidade por propia vontade”. Afirmou tamén o poñente que nesta cidade os palestinos teñen os mesmos deberes que os israelís “coa excepción da obriga de facer o servizo militar” pero que a cousa cambia se falamos de dereitos. “Non hai unha soa lei que discrimine ao pobo palestino pero na práctica cotiá hai discriminación a todos os niveis”, afirmou.

Devolver os territorios conquistados no 67

A historia de Meir Margalit é unha das máis singulares do movemento pacifista de Israel posto que, despois de enrolarse no exército e de fundar o asentamento de Net Zarim na franxa de Gaza comprendeu, ao resultar ferido na guerra do Yom Kipur, que “non paga a pena morrer por territorios”. Doutorouse en Historia Israelí pola Universidade de Xerusalén, unha formación académica que completa a súa propia experiencia persoal no territorio e que lle permite afirmar que a solución a todo o conflito “pasa pola necesidade de que Israel devolva todos os territorios conquistados no 67”. Margalit subliñou así mesmo a súa aposta por unha federación do Medio Oriente, unha proposta que chocaría coas pretensións dos palestinos que demandan un Estado. “Respecto e apoio a súa postura pero penso que é un erro porque non teñen tecnoloxía, materias primas nin recursos para poder ser un país independente”, sinalou.

Festival fin de programa da Intercultural

A Intercultural é unha iniciativa organizada pola Vicerreitoría do campus coa colaboración da Deputación provincial que se prolongou durante todo o curso académico cun amplo abano de iniciativas para o lecer destinadas á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral. A programación chega ao seu remate este venres coa celebración dun festival no que haberá unha chea de actividades como música, contacontos, gastronomía e xogos tradicionais. A actividade comezará ao redor das oito da tarde.