DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eloy Martínez gaña o Concurso Foto-Relato Mobilidade da Facultade de Historia

Como se non houbese un mañá…

O obxectivo da iniciativa é visualizar e reivindicar o valor dos programas de intercambio

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 29/01/2013

“... A miña historia, como a de tantos viaxeiros, nace dunha idea. A idea de coñecer un novo idioma e, por suposto, vivir unha experiencia enriquecedora...”. Así comeza Eloy Martínez o relato que acompaña á súa serie fotográfica Como se non houbese un mañá…, serie na que plasma o que foi a súa experiencia como alumno do Programa Erasmus na cidade italiana de Roma. A súa obra vén de gañar o Concurso Foto-Relato Mobilidade que organizou a Facultade de Historia e a Vicerreitoría do campus de Ourense para visibilizar e reivindicar os beneficios dos programas e bolsas de intercambio agora que os seus fondos se están a recortar debido á crise económica.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, foron as encargadas de entregar o premio ao gañador do certame e un agasallo aos participantes na iniciativa que se achegaron ao acto de entrega. “Estamos moi satisfeitos co resultado desta pequena iniciativa. En tempos nos que se está a recortar ou eliminar programas de mobilidade, é o momento de reivindicar todo o positivo que achegan aos nosos estudantes e aos nosos centros”, destacou Beatriz Comendador. Unha opinión compartida por María Lameiras, que apunta que “estudar nunha universidade estranxeira, nunha contorna diferente, é unha das experiencias persoais e académicas máis ricas que pode ter un estudante ao longo da súa formación”.

Seis foron en total os estudantes e egresados da Facultade de Historia ourensá os que presentaron propostas ao concurso. Nas súas fotografías pódese botar unha ollada ao que para eles foi a experiencia de estudar no estranxeiro, concretamente na cidade lusa de Lisboa, na arxentina de Santa Fé e nas italianas de Roma e Catania. O xurado, composto pola decana de Historia, pola coordinadora das convocatorias de mobilidade no centro, por unha representante do sector PAS e un representante da Delegación de Alumnos, coincidiron en destacar a gran calidade dos traballos presentados, destacando que foi difícil realizar a selección definitiva. Para contribuír á difusión de todos eles, os traballos presentados están dispoñibles no blog da facultade.

A convicción de que merece a pena

O xurado acordou por unanimidade conceder o premio a Eloy Martínez polo seu traballo Como se non houbese un mañá..., destacando a súa excelente redacción, na que describía con grande acerto a súa experiencia tanto dende o punto de vista académico como vital, e a boa selección de fotografías que completaban as experiencias narradas. “As imaxes que presentei foron realizadas durante a miña estadía en Roma no curso 2010/2011 cunha bolsa Erasmus e nelas intentei recoller un pouco as diferentes facianas da vida alí, tanto desde o punto de vista formativo coma vital”, explicou o gañador do concurso. Entre as catorce fotografías que compoñen a súa proposta, Eloy Martínez destacou con especial agarimo as feitas durante o tempo no que realizou prácticas de escavación no Coliseo de Roma, unha experiencia única para un historiador.

Nas imaxes presentadas por todos os concursantes pódese ver a vida diaria dun estudante de intercambio, desde a convivencia con outros universitarios e a vida nas nas cidades de acollida ata as novas paisaxes e costumes que os rodean e os amigos que xorden no camiño. “Vivir día a día, como se non houbese mañá, foi a aposta que fixen para decidirme a comezar esta aventura. Unha aventura con máis lúas que soles, máis corazón que razón nalgúns casos, pero coa convicción de que mereceu moitísimo a pena”, subliñou Eloy Martínez como peche á súa serie de fotografías. Unha valoración de seguro compartida pola gran maioría dos estudantes que participan en programas de intercambio.