DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Carlos Moreno Cabrera, catedrático de Lingüística Xeral da UAM:

“Non me parece adecuada a utilización do predominio do español para minusvalorar as demais linguas que non se consideran comúns”

O relator defendeu o coñecemento obrigatorio de todas as linguas oficiais

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 30/01/2009

Convidado como relator da conferencia central do acto de San Tomé de Aquino, Juan Carlos Moreno Cabrera fixo unha sólida defensa das linguas como instrumentos de comunicación e entendemento, afastándose do seu uso tendencioso e politizado ideoloxicamente.
Arredor da idea de que non é preciso falar a mesma lingua para entenderse, o catedrático de Lingüística Xeral da Universidade Autónoma de Madrid, afondou nalgúns dos prexuízos sobre as linguas máis estendidos na actualidade e subliñou que “toda promoción dunha lingua non común a nivel estatal, como pode ser o galego, non vai en detrimento da lingua común, neste caso o castelán”. Neste sentido, Moreno Cabrera afirmou que “non me parece adecuada a utilización do predominio do español para minusvalorar as demais linguas que non se consideran comúns”.
Un dos máis recoñecidos especialistas en temas de lingüística a nivel nacional, Moreno Cabrera conta entre as súas publicacións títulos como Lenguas del Mundo, La dignidad e igualdad de las lenguas, De Babel a Pentecostés: Manifiesto Plurilingüísta ou El nacionalismo lingüístico: una idea destructiva.

O entendemento entre linguas

O catedrático da UAM comezou por desterrar un dos prexuízos máis presentes cando se fala de lingüística: que é preciso falar o mesmo idioma para entenderse. “Este idea emprégase dun xeito tendencioso e interesado, pero non se asenta sobre o coñecemento científico, non é unha verdade incontestable”. Segundo Moreno, o coñecemento dunha lingua permite comprender outras linguas xenética ou xeograficamente próximas e esta capacidade é anterior á ensinanza de ningún idioma. “Un falante de español pode comprender facilmente a un falante de catalán ou de italiano, do mesmo xeito que se entenden dous castelanfalantes de Cuba e de Murcia, é unha capacidade natural que todos temos”.
Sobre esta base Moreno Cabrera achegouse a dous conceptos moi habituais “como son o de lingua común e lingua propia, mal comprendidos se se asentan sobre este tipo de prexuízos”. Para o relator é innegable que o castelán é predominante en España, pero este feito emprégase para desmerecer as linguas non comúns a nivel estatal. É o caso, segundo Moreno, do Manifiesto por la lengua común, “que expresa esta idea con fins reprobables; defendendo que o español é a única lingua na que todos os cidadáns se poden entender tratan de minusvalorar as demais linguas”. Segundo defendeu, o castelán é tan válido para facerse entender en Galicia como o galego en España, “son dúas linguas de comunicación e é indecente dicir que o galego non é unha lingua de comunicación fóra de Galicia, todos temos capacidade para comprendelo”.
Deste xeito, cando se defende o galego, non se ataca á lingua común, porque o galego tamén é unha lingua común. A diferenza, explica, “é que o galego é lingua común en Galicia e lingua de entendemento en España, mentres que o castelán é lingua común nos dous ámbitos. O galego non é lingua común en España, do cal se deduce que é lingua propia en Galicia con desenvolvementos culturais importantísimos”.

O imperialismo lingüístico

Dende o punto de vista do catedrático, se cando se defende o uso do español e o seu crecemento a nivel internacional non se considera que se está agredindo a outras linguas, como o inglés ou o francés, tampouco se pode pensar que se pon en perigo ao español ao defender o galego ou o catalán. “Trátase dunha utilización indigna de accións que non atacan o castelán”, senón que fan que as linguas subordinadas teñan unha posición adecuada ao seu estatus de oficialidade, explica. Para el, este tipo de apreciacións baséase nunha ideoloxía totalitaria que non contribúe á convivencia, nin ao entendemento, nin ao progreso.
Por este motivo, Moreno Cabrera defende a obrigatoriedade do coñecemento destas linguas respectando que se trata de linguas oficiais, de igual xeito que o castelán, “e non podemos pechar o paso a estas linguas que son patrimonio cultural común; exixir que en Galicia todo o mundo domine o galego responde ao mesmo modelo que esixe que en España todo o mundo domine o castelán”.