DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría edita un folleto co mapa e información de interese da zona universitaria

Para non perderse polo campus de Ourense

Está dirixido especialmente ao alumnado de novo ingreso e de intercambio

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 28/04/2014

Cando os alumnos e alumnas chegan por primeira vez ao campus de Ourense un dos primeiros retos que teñen por diante é coñecer onde está cada un dos edificios e servizos que formarán parte da súa vida académica. Para axudalos nesta tarefa, a Vicerreitoría vén de editar por primeira vez un folleto ilustrado no que ofrece dun xeito atractivo e ameno a información fundamental de cada servizo e centro, un mapa deles e, como complemento especial, algunhas pinceladas da súa historia ou riqueza patrimonial. O estudantado de novo ingreso e de intercambio son os destinatarios principais deste novo material divulgativo.

María Lameiras, vicerreitora en funcións do campus de Ourense, e Manuela Elizabeth Rodríguez, ilustradora da obra, foron as encargadas este luns de presentar o folleto. “Trátase dun material feito con información moi útil e práctica, que contén un pequeno mapa do campus, imaxes dos diferentes centros e datos de utilidade de cada un dos nosos servizos. Na súa realización optouse ademais por un formato encartable moi práctico, co obxectivo de que este folleto sexa usado a diario polos estudantes que non coñecen aínda as nosas instalacións”, destacou María Lameiras durante a presentación. “Pola miña banda, o que tratei foi de facer un deseño comprensible, que se entendera visualmente a información e que fose cómodo de levar. Á vista dos resultados, creo que logramos este obxectivo”, engadiu Manuela Elizabeth Rodríguez, titulada en Belas Artes pola Universidade de Vigo.

Dos datos de contacto aos detalles históricos

O folleto parte dun mapa global do campus, abranguendo o chamado campus histórico e o campus novo. A partir de aí, para coñecer máis en detalle a zona universitaria, recolle unha ilustración de cada un dos centros ou espazos do campus, desde o Edificio de Facultades ou a Biblioteca Rosalía de Castro ao Camiño da Igualdade ou o estanque. Ademais de plasmar os centros ubicados na zona universitaria, o documento tamén abrangue o CITI, a Escola Universitaria de Enfermaría e a Residencia Universitaria As Burgas, situados todos eles fóra dos límites xeográficos do campus. A ilustración de cada centro ou espazo está ademais acompañada dun breve texto explicativo no que se dá conta de detalles de interese sobre eles, como o arquitecto que os deseñou, o ano de construción, as obras de arte que hai no seu interior ou o seu uso antes de acoller a actividade universitaria.

Deste xeito, as persoas interesadas poderán coñecer que a escultura que hai no Xardín das Lagoas é de Fernando Blanco e que está dedicada á Xeración Nós, que no Edificio de Ferro hai nos pasillos e salas obras de gran formato de creadores como Quesada, Acisclo Manzano e Moreiras ou que na entrada do Edificio Politécnico se atopa un gran péndulo de Foucault. Para completar toda sta información, de cada centro e servizo ofrécese a información básica de contacto e o listado de graos que se imparten en cada facultade e escola.