DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente da Universidade de Columbia Ernest Sotomayor analiza o uso dos 'social media' na educación

Non só de redes sociais vive a aprendizaxe

Na sesión inaugural da Xornada de Innovación Educativa 2012

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/06/2012
O nivel tecnolóxico dunha institución académica é un factor que ata un 88% dos estudantes estadounidenses recoñece ter en conta á hora de elixir universidade. Un dato que evidencia a importancia que as redes sociais acadan tamén na educación superior, redes sociais que segundo o xornalista e docente Ernest Sotomayor “son unha evolución e non unha revolución que forma xa parte inseparable das nosas vidas”. Con máis de 35 anos de experiencia como reporteiro e editor en tres diarios estadounidenses e profesor de xornalismo da Universidade de Columbia, onde tamén exerce como responsable dos servizos de asesoramento e apoio aos estudantes, Sotomayor foi o encargado hoxe impartir a conferencia inaugural da Xornada de Innovación Educativa 2012 que a longo de todo o día se celebra na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Coa participación de docentes galegos, españois e portugueses, a sesión serve como punto de encontro e intercambio de experiencias entre docentes e estudantes, ao tempo que fomenta a innovación e investigación e a reflexión sobre os cambios pedagóxicos que as innovacións educativas están a producir. “Temos a obriga como docentes de estar nun proceso de mellora continúa e para iso nada mellor que intercambiar e compartir experiencias”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, na apertura da xornada na que destacou a importancia das redes sociais, ao tempo que afirmou que “temos que se quen de comunicar ben o que sabemos”. A tal fin durante toda a xornada sucederanse no salón de actos e nun aula da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación os relatorios centrados en diversos aspectos da innovación como mellora da práctica docente ou aplicada aos ámbitos científico-tecnolóxico,xurídico-social e humanístico.

Pros e contras do uso das redes sociais na educación

Baixo o título Social media, a nova linguaxe en educación, Ernest Sotomayor, ofreceu na conferencia inaugural da xornada unha aproximación ao uso que das redes sociais se está a realizar na actualidade na docencia universitaria afondando nos seus beneficios e prexuízos. Sotomayor que antes da súa intervención na xornada foi recibido polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, no seu despacho, foi presentado aos asistentes ás sesións polo vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia que destacou a súa tripla faceta de xornalista, docente e xestor universitario.

A confirmación de que entre 23 e 25 millóns de españois empregan con frecuencia as redes sociais e que dese total unha das porcentaxes de uso máis elevada corresponda á franxa de idade na que se sitúan os estudantes que están na universidade ou que acaban de rematar os seus estudos superiores, evidencia a importancia que os social media acadan na actualidade. Tras repasar as principais plataformas de redes sociais empregadas por profesorado e alumnado (foros, Facebook, Skype, blogs, Youtube ou Twitter)e interesarse polo uso que os docentes presentes na sala facían delas, Sotomayor confirmou que máis dun 80% das universidades españolas utilizan Facebook e un 78% Youtube, dúas plataformas coas que conta a Universidade de Vigo e ás que se engaden i-Tunes e Twitter.

A concreción dos beneficios e prexuízos que o uso das redes sociais pode producir no proceso educativo centrou boa parte da intervención do profesor da Universidade de Columbia que asegurou que “o desenvolvemento das habilidades tecnolóxicas é crítica para o futuro”. Así, para Sotomayor a posibilidade de aprender a un ritmo propio, a maior intercomunicación que se produce entre o docente e o estudante ou o enriquecemento dos contidos que se produce nos procesos multimedia, son as principais virtudes que para profesores e alumnos entraña o uso das redes sociais. Social media que sen embargo teñen, segundo Sotomayor, “outro lado” no que se inscriben a falta de formación de docentes, alumnos e administradores nos sistemas, o illamento, o escaso desenvolvemento do pensamento crítico ou da investigación a fondo e o risco de plaxio se non se ensina o correcto uso das citas e referencias bibliográficas. “Cómpre cambiar o modo de aprendizaxe e non só a tecnoloxía”, sinalou o docente que tamén asegurou que as redes non poden reemplazar o intercambio intercultural que se produce nas aulas entre o alumnado.

E para rematar, unhas recomendacións

“A formación é o máis importante”. Con esta rotundidade abriu Ernest Sotomayor a derradeira parte da súa intervención dedicada a referir unha serie de recomendacións para o uso das redes sociais entre as que destacou a necesidade de mellorar a formación tecnolóxica, pero sen esquecer a importancia de contar con expertos nas materias que se imparten. Utilizar a tecnoloxía móbil (smartphone ou E-reader)”que é co que traballan os estudantes” e non esquecer as habilidades tradicionais como o pensamento crítico ou o uso da biblioteca, foron outras da recomendacións realizadas por Soutomaior aos asistentes á xornada aos que tamén alertou da necesidade poñer límites para interactuar co alumnado e dispor dunha política de social media como guía para que o estudantado coñeza as regras ás que se debe axustar.