DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de Dereito do Traballo e da Seguridade Social coordina unha novidosa publicación multidiscip

Non é traballo para vellos (nin para novos)

"La relevancia de la edad en la relación laboral y de seguridad social" está publicado por Aranzadi

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/10/2009

Mentres o sexo, a raza ou a discapacidade son motivos de discriminación laboral que contan cun alto grao de concienciación social, a idade segue a ser un factor de marxinación no mercado do traballo sobre o que non existe a suficiente sensibilización, xa que a miúdo está oculta e resulta difícil de detectar. Sen embargo, son moitas as investigacións que amosan que a discriminación por idade é unha das máis comúns, ata o punto de que se un traballador ou traballadora sofre marxinación será por causa da súa idade, máis que por calquera outro motivo.
Co título La relevancia de la edad en la relación laboral y de seguridad social a editorial Aranzadi vén de publicar baixo a dirección de Jaime Cabeza, María Amparo Ballester e Marta Fernández, unha recompilación das achegas dos grupos de Dereito do Traballo e da Seguridade Social das universidades de Girona, Illes Balears e Vigo, así como de autores e autores externas aos grupos, entre os que destacan Gianni Loy, Jean-Michael Servais, Piera Loi, Jo Carby-Hall, Diane Ryland, Philippe Martin e Óscar Hernández. “O traballo coordinado pola Universidade de Vigo ten unha dimensión internacional”, destaca Jaime Cabeza, coordinador do Departamento de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade de Vigo “ao contar coa participación de profesores, por exemplo do Reino Unido, berce da lexislación para combater a discriminación por idade, así como Italia ou Francia, ou a Organización Internacional do Traballo (OIT)”.
O volume que é un dos froitos do proxecto de investigación do mesmo título e que conta con financiamento do Ministerio de Educación, presenta unha perspectiva multidisciplinar que segundo Cabeza “é unha novidade no mundo do Dereito”, xa que desde unha perspectiva diversa aborda cun grao de profundidade o estudo da idade como factor decisivo na conformación das relacións laborais e de Seguridade Social que conta con escasos precedentes dentro da doctrina iuslaboralista.
Así a discriminación por razón de idade, pero tamén os retos cos que se enfronta o Dereito da Seguridade Social en torno ás pensións e prestacións derivadas do retiro da vida activa ou o emprego das persoas de idade madura, son os temas centrais do libro que pon negro sobre branco o traballo desenvolvido durante tres anos polos grupos de investigación das universidades de Vigo, Girona e Illes Balears. “Son grupos relevantes en canto ao dereito antidiscriminatorio”, sinala Cabeza “que traballan en diferentes ámbitos. Así mentres Vigo céntrase máis en políticas laborais e sociais, Illes Balears ocúpase de cuestións relacionadas coa discriminación e Girona en políticas de Seguridade Social”.

Unha noción inxusta que afecta a mozos e maiores

“¡A discriminación por idade, non é boa para os negocios!, desperdicia o talento, a experiencia, o savoir faire, e o coñecemento xa existente no lugar de traballo, pero, por riba de todo, é unha noción inxusta e inmoral”. Con esta contundente afirmación comeza o artigo Discriminación por edad a la inglesa: un reto en un área innovadora pero gris, que o director do Instituto Legal Internacional no Centro de Estudos Lexislativos da Universidade de Hull (Reino Unido), Jo Carby-Hall achega á publicación que pon de manifesto que a discriminación por cuestións de idade é a gran esquecida nas políticas da loita pola igualdade aínda que os datos amosen que tanto en España como na UE é a que máis afecta á poboación traballadora. “A discriminación por idade é a menos importa á Xustiza, menos que a sexual ou a racial”, sinala Marta Fernández profesora do Departamento de Dereito Público Especial da Universidade de Vigo, “o que xera situacións de discriminación non só no caso de traballadores de idade avanzada, senón tamén en empregados novos”. Así, e a pesar das recentes aprobacións de normas europeas e estatais que prohiben a discriminación laboral das persoas maiores, continúa a verse como algo normal que nos procesos de selección de persoal se impoña como requisito o de non superar certa idade.

Unha práctica prohibida polo ordenamento xurídico

Pero non só as persoas de máis idade son obxecto de marxinación no mercado laboral. Tamén os mozos e mozas poden ser vítimas dunha discriminación que se manifesta en forma de contratos temporais ou menores salarios. Tanto nun caso como noutro a idade pode constituír unha causa de discriminación que sen embargo está prohibida con carácter xeral e non só no ámbito da relacións de traballo. “As achegas de especialistas internacionais permitíronnos comprobar como os ordenamentos máis próximos ao noso introducían normativas máis ou menos homologables, pero con técnicas xurídicas diferenciadas”, apunta Jaime Cabeza. Así, a análise da transposición ao Dereito británico da Directiva 2000/78/CE, é unha das cuestións que se analizan na publicación, “xa que, con todas as críticas que se queiran formular, constituíu un proceso máis meditado e coidadoso que o que tivo lugar no Reino de España coa incorporación semi-clandestina de dita normativa, con ocasión da Lei de acompañamento do ano 2003”, sinala o coordinador do libro.
Os retos que desde a perspectiva da OIT formula o avellentamento da poboación, tanto desde o punto de vista da sostibilidade dos sistemas de Seguridade Social como da eficiencia das políticas de emprego ou as dificultades extremas que deben enfrontar os países latinoamericanos para consolidar sistemas confiables de Seguidade Social, son outras cuestións sobre as que a publicación pon maior énfase.