DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Normalización Lingüística abre o prazo de matrícula para os cursos de lingua galega do segundo cuadrimestre

Dende hoxe a ata o vindeiro día 26 a través da Plataforma Bubela

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 08/02/2010

Co segundo cuadrimestre ás portas, a Área de Normalización Lingüística abre este luns a convocatoria de matrícula para unha nova quenda de cursos de lingua galega. Así, dende hoxe e ata o día 26 deste mes, os interesados poderán inscribirse nos cursos de redacción de textos escritos, extensión cultural, preparación do certificado Celga, redacción de traballos científicos e informes e técnicas de comunicación oral. A matrícula pode facerse efectiva na Plataforma Bubela e a docencia botará a andar na segunda semana de marzo.
As características dos cursos dependen do seu contido e hai tanto clases presenciais como virtuais, do mesmo xeito que varía a súa duración e lugar de impartición das clases, sendo algúns de balde e outros tendo taxas.

Cinco cursos para o segundo cuadrimestre

Neste segundo cuadrimestre a oferta da Área de Normalización Lingüística de cursos de lingua galega comprende cinco cursos que cobren contidos moi diversos para diferentes tipos de destinatarios.
O 8 de marzo botará a andar o curso de redacción de textos escritos que, con 40 horas de duración se impartirá dun xeito virtual ata o 19 de maio. A docencia está dirixida a usuarios que, con certo coñecementos da lingua galega, queiran acadar maiores destrezas escritas, especialmente de cara á produción e revisión de textos. De carácter gratuíto para os membros da comunidade universitaria e cun prezo de 60 euros para o público en xeral, o curso contará cunha soa clase presencial que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía e Tradución o 19 de maio.
Tamén o 8 de marzo comezará a impartirse o curso de técnicas de comunicación oral en galego, de modalidade presencial e 40 horas de duración, validables por dous créditos de libre configuración. Este curso está destinado a todas aquelas persoas que estean interesadas en mellorar a súa expresión oral en lingua galega e a docencia impartirase ata o 31 de maio os luns e os xoves de 18.00 a 20.00 horas. A matrícula é de balde para os membros da comunidade universitaria e de 60 horas os demais e as clases impartiranse no campus de Vigo, podendo crear grupos en Pontevedra e Ourense se se reúne un mínimo de 10 persoas.
Xa o día 9 de marzo comezarán as clases do curso de redacción de traballos científicos e informes, que se estenderá ata o 20 de maio con clases de martes a xoves de 16.00 a 18.00 horas. Este curso está dirixido a usuarios cun certo coñecemento de galego escrito que desexen perfeccionar o seu dominio de cara á produción e revisión de textos científicos e informes e, con 40 horas de duración, será validable por dous créditos de libro configuración. As clases impartiranse na Facultade de Filoloxía e Tradución e o prezo é de 60 euros para aquelas persoas alleas á vida universitaria.

Cultura galega para estranxeiros

O curso de extensión cultural está especialmente pensados para todos aqueles estudantes de programas de intercambio que estean ao longo deste segundo cuadrimestre na Universidade de Vigo e queira achegarse á cultura galega. De carácter presencial, terá unha duración de 75 horas dende o 9 de marzo ata o 3 xuño con clases presenciais martes e xoves de 16.00 a 18.30 horas. A docencia impartirase nos tres campus no caso de reunir un número suficiente de matriculados e a inscrición é gratuíta.

Certificado de lingua galega, Celga 4

Finalmente, a oferta de curso de lingua galega complétase co curso de preparación do certificado de lingua galega, que comezará o vindeiro 10 de marzo. De modalidade semipresencial, terá unha duración de 75 horas ao longo das cales se impartirá un nivel avanzado para persoas que xa teñan competencia en lingua galega, centrándose en aspectos ortográficos, gramaticais e léxicos. As clases impartiranse na Facultade de Filoloxía e Tradución, aínda que tamén se poderán crear grupos nos outros dous campus, sendo as presenciais os mércores 10 e 24 de marzo e 7 e 21 de abril de 18.00 a 20.00 horas. A matrícula é de balde para os membros da comunidade universitaria e de 60€ para as persoas alleas, podendo cada candidato presentarse a nivel do Celga que decida, xa que non se esixe a posesión do certificado dun nivel para obter o do nivel superior. Ademais, a Universidade unicamente pode expedir un diploma de asistencia, xa que o certificado oficial obterase tras superar o exame establecido pola Xunta de Galicia para o 22 de maio.