DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Luís Urcelay, comandante director da ENM:

"Desde a nosa perspectiva a integración na Universidade de Vigo só ten vantaxes"

O convenio está acordado e á espera de ser asinado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 02/02/2009

A relación entre a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín vense cociñando, a lume lento, desde hai varios anos. A Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio leva 16 sendo o marco de actividades conxuntas, pero a partir de 2010 a incorporación da ENM á Universidade será plena e o alumnado rematará os seus estudos cun título de grao nunha man e o despacho militar na outra. Nos últimos meses, as sesións para a redacción do convenio de adscrición foron intensas e o comandante director José Luis Urcelay Verdugo estivo á fronte delas. Urcelay, natural de Cartagena, asumiu a dirección da Escola en setembro de 2006 e é diplomado de Guerra Naval e o do Colegio de Defensa da OTAN. Especialista en submarinos e armas submarinas, cursou estudos de aptitude de comandante de submarinos da Mariña francesa e estivo ao mando da fragata Asturias, do submarino Delfín, do patrulleiro Vilaamil e na tripulación de outros buques da Armada.

Que balance fai do seu labor desde a dirección da Escola Naval Militar?
Levo dous anos e foi un tempo moi intenso porque, ademais das cousas de rutina da actividade académica da ENM formando aos oficiais da Armada, coincide co traballo coa Universidade de Vigo, dunha forma moi intensa e próxima, para poñer as pezas precisas para que a partir de moi pronto empece a funcionar o Centro Universitario da Defensa, un centro adscrito á Universidade. Isto levou consigo unha serie de traballos moi interesantes desde o punto de vista persoal e profesional.

Vostede xa estivo aquí nunha etapa anterior, aínda que como alumno.
Si, como no caso de todos os oficiais da Armada. No meu caso, eu estiven desde o ano 1975 e ata o 80.

E cambiaron moito as cousas desde esa época?
Cambiou moitísimo e en moitas cousas. Cambiou moito, por suposto, en canto aos medios de que dispoñemos. Hoxe a Escola Naval é unha das mellor dotadas do mundo. Se a comparamos con outros países a nivel de dotación, laboratorios, lanchas de instrucións, simuladores, de todo o que necesario para a formación dos nosos alumnos, a verdade é que estamos moi ben dotados. Incomparablemente mellor dotados que na época na que eu estiven aquí de alumno. Desde o punto de vista da vida na Escola Naval, tamén houbo unha evolución enorme, igual que no resto da sociedade española. Hai 30 anos e isto cambiou drasticamente. Pero hai outras cousas que permanecen. Na institución militar hai unha serie de valores permanentes, de virtudes militares, de valores morais, éticos e profesionais que teñen que permanecer. O tarro das esencias segue aí e esa parte cambiou moitísimo menos.

Hai case un ano que a subsecretaria de Defensa, Mª Victoria San José e o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, firmaron o protocolo de colaboración para constituír un grupo de traballo que elaborase a proposta da titulación de grao que se impartirá na Escola. Que suporá este cambio para a formación dos alumnos?
O convenio está plenamente acordado por ambas partes e está listo para que se decida cando é o momento oportuno para a sinatura. Entón, tramitarase ese convenio e todo o expediente de adscrición a través da Xunta de Galicia e comezaremos a traballar a partir do curso 2010-2011. En ese momento haberá un cambio moi importante no plan de estudos dos nosos alumnos, moi importante sobre todo en canto á estrutura porque farán simultaneamente os estudos para chegar a dous títulos. Por un lado, unha titulación de grao totalmente integrada no Espazo Europeo de Educación Superior, idéntica ás carreiras que se seguen na Universidade de Vigo e pola que os nosos alumnos obterán un título de graduado universitario. Ao mesmo tempo, cursarán unha serie de estudos que os levarán á obtención do grao militar, no noso caso na Armada, alférez de navío, para o corpo xeral, e tenente, para o corpo de Infantería. A partir de ese momento estudarán moitas materias que xa estudan hoxe porque o plan de estudos actual ten un 50% de contidos, en termos de créditos, idénticos a materias que se imparten nas carreiras técnicas da Universidade de Vigo. E por outra parte, terán materias novas. Levouse a cabo unha revisión intensa e moi profunda dos plans de estudos máis idóneos das carreiras civís e ao mesmo tempo fíxose unha revisión moi profunda dos estudos puramente profesionais como mariños e como militares que estudarán os nosos alumnos. Ao longo de cinco anos os nosos alumnos farán os 240 créditos ECTS da carreira civil máis 140 créditos adicionais correspondentes a materias militares.

A integración en unha universidade pública é un paso importante para a Escola Naval?
Desde a perspectiva da Escola Naval son todo vantaxes. Por un lado a formación dos nosos alumnos vai ser mellor, vai ser máis completa; por outro lado a ensinanza militar se integra plenamente no sistema xeral de educación. Consideramos que será mellor o desempeño dos nosos oficiais no seu destino. Mellora tamén as perspectivas para os oficiais que nun momento determinado da súa carreira decidan cambiar de orientación profesional. Cremos que fará máis atractiva a nosa profesión para un sector da xuventude. Todo isto son as vantaxes. O único inconveniente, pero non creo que sexa tanto, é que os noso alumnos van ter que estudar máis que agora, esa é a parte que se lles vai pedir a eles.

Esta iniciativa pioneira, é un paso esencial na carreira dos militares para que teñan unha formación aínda máis completa?
Se comparamos o plan de estudos actual co que se segue no resto das escolas navais de países próximos a nós, como Estados Unidos, Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, incluso Portugal, en todos estes países xa se segue un plan de estudos parecido ao que imos ter. E a maior parte de esas academias navais xa funcionan como un centro universitario. A academia naval máis prestixiosa do mundo, a de Annapolis, é unha das escolas de enxeñaría máis prestixiosas dos Estados Unidos, da que saíron presidentes. Pero a parte diso, non cabe dúbida de que os nosos mandos déronse de conta das vantaxes. Hai pouco os ministros de Defensa dos países da UE asinaron un acordo polo que se vai poñer en marcha unha sorte de Erasmus militar e os alumnos das distintas escolas militares poderán cursar unha parte dos seus estudos en escolas de países membros da UE. Todas estas cousas non serían posibles se non fixésemos esta adaptación nos plans de estudo.

A subsecretaria de Defensa xustificou a elección da Universidade de Vigo pola súa solvencia académica, o seu acreditado cadro de profesores así como o perfil e especialización técnica nun tipo de ensinanzas ideais para a formación que se pretende ofrecer aos futuros oficiais. Comparte esta valoración?
Sen dúbida, por suposto. Xunto a estes hai outros puntos moi importantes como pode ser a proximidade xeográfica e tamén de tipo humano e o costume de traballar xuntos. Desde o ano 93 estamos compartindo coa Universidade de Vigo a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio que desde a perspectiva da Escola Naval é unha experiencia excelente que nos facilita moitas cousas: compartir recursos, compartir profesores, intercambios de alumnos. Hai outros exemplos moi claros,concretamente, o Máster de química cuántica. Pero hai outros anteriores como a colaboración da Escola de Telecomunicacións de Vigo coa Escola Naval, concretamente, co Centro de Medidas Electromagnéticas, para o desenvolvemento de estudos de doutoramento en electromagnetismo. Por outro lado, nós tamén nos beneficiamos, dentro de este seo de colaboración, en que un número importante de profesores e alumnos da Universidade de Vigo participan nos traballos que a Armada desenvolven na OTAN, no ámbito das medidas electromagnéticas e os estudos das firmas das unidades da compatibilidade entre distintos emisores a bordo dos barcos. Son unha serie de colaboracións con efectos prácticos que van máis aló da mera organización de estes actos que quizais sexa a cara máis visible da cátedra porque é ao que ten acceso o público en xeral no que se refire á organización de actos culturais, conferencias, exposicións e este tipo de cousas.

Outro posible escenario de colaboración entre as dúas institucións é a I+D. O reitor, Alberto Gago, sinalou a posibilidade de que se convertan en socios tecnolóxicos e emprendan proxectos de I+D de forma conxunta. Considera posible esta vía?
Agora imos empezar a impartir un título de grao pero a actividade docente leva consigo un labor investigador. En esa actividade investigadora o lóxico é pensar que as investigacións que se desenvolvan sexan relacionadas coa actividade do Ministerio de Defensa en xeral e da Armada en particular. Moitas veces cando se toma un camiño como este, logo todas as derivacións posteriores son difíciles de imaxinar, pero eu creo que iso fai que sexa especialmente ilusionante esta medida.

Cre posible outras frontes nas que Universidade e Escola participen conxuntamente?
Moitas veces cando un se mete nun labirinto non sabe por onde vai saír. O que imos comezar claramente e xa cunha data, o primeiro de setembro de 2010, é o título de grao, moi probablemente Enxeñaría Industrial, rama mecánica. Iso é o que vai empezar, despois virán estudos de máster, posgrao, doutoramento. A Armada ten que desenvolver cales serán os estudos de posgrao dentro de este sistema de ensinanza e moi probablemente varios de estes estudos de posgrao se desenvolverán en este Centro Universitario da Defensa que se vai crear aquí. Seguro que aparecerá novas cousas. O desenvolvemento do curso de química cuántica é un caso claro das cousas que nunca se nos ocorreran. Ningún pensaba que fósemos facer un curso como ese, na Escola Naval no mes de xaneiro de 2009. Por unha parte se intensifican as relacións, a Universidade tamén poden empregar os nosos medios para satisfacer unha necesidade e como esta xurdirán novas iniciativas.

Esta integración dos alumnos do exército na universidade é, sen dúbida, un claro sinal de que as Forzas Armadas están abertas á sociedade.
As Forzas Armadas non é que estean abertas á sociedade, senón que están ao servizo da sociedade. É un matiz importante. As FFAA, e a Armada en particular, somos unha parte da sociedade que está ao servizo do conxunto da sociedade. Os nosos alumnos non son distintos de outros mozos que están estudando na universidade e con este modelo de ensinanza, aínda menos.