DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra poderá visitarse ata o 7 de novembro na Estación Marítima de Vigo

"As nosas palabras, os nosos mundos" reivindica o uso do galego como unha lingua produtiva e innovadora

Organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 24/10/2008
Promover o valor da lingua propia no contexto da diversidade lingüística do mundo e contribuír á difusión do plurilingüismo como garantía dunha boa convivencia, son os principais obxectivos da exposición itinerante As nosas palabras, os nosos mundos organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Tras recibir un amplo apoio institucional en Bruxelas, a mostra que se presenta agora na Estación Marítima de Vigo incide tamén no plurilingüismo como unha oportunidade de negocio, poñendo de manifesto o uso da lingua galega como un valor engadido para mellorar a competitividade das empresas.
Trátase dun percorrido polo mundo das linguas e da comunicación a través dun dosidiomas que conforman a diversidade lingüística: o galego. “O galego é unha lingua de Europa cun camiño longo aínda por percorrer; a exposición é unha mostra de que as palabras conforman os nosos mundos”, explicaba Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística no acto de presentación. As nosas palabras, os nosos mundos presenta unha viaxe ao universo das linguas desde o coñecemento, as emocións, as sensacións, o xogo e a imaxinación, facendo un percorrido suxestivo pola historia da lingua galega a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros.
Ademais de Marisol López, na inauguración da mostra interviron o seu coordinador e profesor da Universidade de Vigo, Anxo Lorenzo; Jesús Paz, presidente da Autoridade Portuaria, quen remarcou a importancia da ubicación, no sentido de que “todos os turistas que desembarquen cheguen ó noso idioma como reflexo da nosa cultura”; e Laura López Atrio, concelleira de Educación. Tamén estiveron presentes Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo; Luís Manuel García Mañá, xefe superior de Policía de Galicia; Víctor Freixanes, director da editorial Galaxia; e os profesores da Universidade Camiño Noia e Manuel Forcadela.

A lingua galega, desde as orixes ata hoxe

A exposición que se pode visitar de maneira completa en sete idiomas (galego, castelán, éuscaro, catalán, inglés, francés e neerlandés-flamengo), aos que se suman outras 25 linguas presentes en diversos elementos, organízase en catro ámbitos temáticos que lle ofrecen ao visitante información, contidos e recursos.
O punto de partida é As orixes, e " nel", como explica Anxo Lorenzo, "introdúcese ó visitante no misterio do nacemento da linguaxe coas primeiras novas sobre a súa orixe (petróglifos, pinturas rupestres...); un documental, de produción propia, sobre o fenómeno da comunicación humana e a “árbore das linguas” completan este apartado.
No módulo denominado Isto é galego, pódese realizar unha viaxe a través do túnel do tempo facendo unha parada nas diferentes etapas da historia da lingua galega, dende a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais, culturais e políticos significativos.
O terceiro dos bloques, que lle dá nome á exposición, presenta a riqueza da multiculturalidade e a diversidade lingüística do planeta. Un paraugas do que penduran vinte etiquetas con vinte xeitos diferentes de dicir chuvia en galego e unha “campá sonora” na que se poden escoitar fragmentos de música tradicional de diferentes partes do mundo son algúns dos elementos que compoñen esta sección.
O último tramo da mostra, A nosa lingua, na nosa vida, reflicte, segundo Anxo Lorenzo "a importancia do galego nas novas tecnoloxías e no ámbito empresarial, achegando tamén exemplos da lingua galega noutros ámbitos da sociedade como a música, a literatura ou o cine". Neste apartado emprégase, entre outros recursos, un dodecaedro para ilustrar a vitalidade da nosa lingua en todas as facetas da vida (nacer, estudar, traballar...), con isto “inténtase facer un discurso positivo da lingua, pero sen polemizar”, sinalaba Lorenzo, “quérese amosar o galego como unha lingua produtiva e innovadora”.

A idade dixital do galego

Os recursos novos da lingua, como tradutores automáticos e dicionarios electrónicos, presentes nesta última sección da exposición, serán os protagonistas o vindeiro 28 de outubro coa celebración da xornada A idade dixital do galego. O acto que presentará Marisol López, contará coa presenza de Xosé María Pousada, director da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo; Luis Collado, director de Google Procura de Libros, Google Académico e Google Arquivo de Noticias para España e Portugal; e Montserrat Pardo, xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica. Durante a xornada, analizarase a importancia do plurilingüismo no ámbito tecnolóxico como elemento xerador de novas oportunidades de negocio.

Unha exposición itinerante e permanente na web

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 7 de novembro na Estación Marítima, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas. Despois de Vigo, o Círculo de Belas Artes de Madrid será o seguinte destino desta mostra itinerante, que rematará este ano na Coruña para seguir no 2009 en Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Ourense e Bos Aires.
De xeito paralelo aparece o sitio web www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre a diversidade lingüística, que permite unha visita vitual á exposción e achegarse á información de interese sobre o galego e as linguas do mundo. A páxina, que será actualizada constantemente, permanecerá activa unha vez finalizado o percorrido da exposición.