DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito celebrou este venres a segunda sesión das VI Xornadas Historia, Cultura e Der

Nosferatu e o Doutor Caligari somerxen o campus no expresionismo cinematográfico alemán

As proxeccións e conferencias continuarán á volta das vacacións de Nadal

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/11/2012
Un dos movementos cinematográficos de culto por excelencia é o expresionismo alemán. A súa visión subxectiva e deformada da realidade fixo que as súas principais obras sexan aínda hoxe moi populares entre os amantes do cine e incluso entre o públixo xeral. Por este motivo, os organizadores das VI Xornadas Historia, Cultura e Dereito. Historia da Sétima Arte decidiron dedicar a súa sesión deste venres a este xénero e ás súas producións O gabinete do Doutor Caligari e Nosferatu, o vampiro.

“O cine expresionista alemán é un dos movementos máis interesantes da historia da cinematografía. Na primeira sesión das xornadas quixemos facer un percorrido desde as orixes do cine como unha curiosidade tecnolóxica ata a chegada das primeiras longametraxes documentais, con Nanook, o esquimó, de Robert Flaherty, e de ficción, con O nacemento dunha nación, de David W. Griffith. Nesta segunda sesión quixemos trasladarnos a Europa e somerxernos de cheo no movemento alemán”, destacou Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito do campus de Ourense e organizador da iniciativa, que patrocina o Concello de Bande.

Vangarda e mito

Para falar deste tema foron convidados a participar Alberto Rodríguez e Pablo Rodríguez, o equipo de cine do programa cultural Banda aparte, de Radio Allariz. “O cine expresionista alemán caracterízase, en contraposición co impresionismo, por presentar a realidade da forma máis subxectiva posible, dun xeito deformado e a través da particular ollada de cada director”, explicou Alberto Rodríguez. Este xénero, salientou, “foi moi importante, unha vangarda na cinematografía mundial, que deixou un pouso moi destacado en cineastas de todas as época e películas que teñen alcanzado hoxe a categoría de mito e que seguen sendo moi vistas polo público”.

Segundo explicou Pablo Rodríguez, a película que trouxo a corrente expresionista ao cine foi O gabinete do Doutor Caligari, unha produción muda de 1920 dirixida por Robert Wiene que narra unha serie de asasinatos acontecidos nun pobo de montaña alemán. Esta peza abriu unha época dourada para o cine que acadou o seu cumio coa obra Metrópolis, de Fritz Lang. No seu auxe, salientaron os expertos en cine, a película de F.W. Murnau Nosferatu, o vampiro, tamén tivo un papel destacado ao converterse nun mito cinematográfico que perviviu ao longo dos anos e que tivo unha grande influencia cinematográfica posterior.

Tras esta sesión, as xornadas volverán despois das vacacións de Nadal. Os días 10, 11 e 18 de xaneiro os inscritos poderán ver obras de clásicos como Charles Chaplin, Buster Keaton e Harold Lloyd e obras como O acorazado Potemkin, O trunfo da vontade ou a recentemente realizada The artist. Susana de la Sierra, directora xeral de Cinematografía e Artes Visuais do Ministerio de Cultura, será a encargada de clausurar no Concello de Bande e o día 18 de xaneiro as VI Xornadas Historia, Cultura e Dereito. Historia da Sétima Arte.