DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salvador Fontán, responsable do equipo universitario de taekwondo:

“O noso obxectivo non é ir a participar, senón a gañar medallas”

O conxunto vigués participará no I Campionato Europeo Universitario que se disputará os días 10, 11

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
S. Alcázar DUVI 03/12/2009

O equipo universitario de taekwondo adéstrase a fondo ante a proximidade do I Campionato Europeo Universitario que terá lugar en Braga os días 10, 11 e 12 de decembro. Neste torneo, organizado pola Asociación Europea de Deporte Universitario (EUSA), daranse cita 98 atletas representando 21 universidades de oito países, entre os que se atopa a selección universitaria viguesa dirixida por Salvador Fontán, quen ten unhas espectativas moi positivas cara a vindeira competición e confía plenamente nos integrantes do conxunto universitario, entre os que se atopan Rebeca Mariño, que vén de participar recentemente no Mundial absoluto de Copenhague e Bruno García, subcampión do mundo universitario, que serán os representantes da Universidade na categoría galo.

Unha selección moi experimentada

En total serán 15 deportistas que representarán á Universidade de Vigo na primeira edición do Campionato Europeo Universitario cun conxunto integrado por sete homes e oito mulleres. “Temos un equipo para estar no máis alto” afirmou Fontán, que destacou a experiencia da súa selección formada por Cristina Fernández (minimosca), Nazareth Tilve e David Carril (mosca); Rebeca Mariño e Bruno García (galo); Míriam Docampo e David Vidal (pluma); Lara Ouviña e Francisco Santiago (lixeiro); Lúa Piñeiro e Fernando Rascado (wélter); Sara Baños e David Pérez (medio) e Ileane Rodríguez e Pablo Casares (pesado). “Contamos con xente experimentada, con amplos currículos a nivel nacional e internacional” declarou o adestrador, quen ten moi claro que as cousas non van ser doadas para os atletas vigueses, posto que se enfrontan a rivais moi fortes entre os que se atopan os equipos da Universidade Autónoma de Madrid, da Universidade Politécnica de Cartagena e os taekwondistas cataláns, que serán os principais inimigos do conxunto vigués a nivel nacional segundo destacou o adestrador, que engadiu que “nós aspiramos a todo, pero sempre dende a humildade e cos pes no chan”. Pola súa banda, os atletas alemáns son os que poden dificultar as cousas á selección viguesa a nivel europeo, o que resulta unha motivación para o equipo, que se esforzará para ir a por todas, tal e como afirmou Fontán. “O noso obxectivo non é ir a participar, senón a gañar medallas”.

Tres xornadas de campionato

Na primeira xornada os participantes deberán someterse a un exhaustivo control no que se rexistra o seu peso para definir a categoría á que pertencen. Unha vez establecidas as categorías e acreditados os participantes procederase ao sorteo no que saen elixidos os diferentes contrincantes en cada combate divididos nun total de oito niveis entre os que se atopan minimosca, mosca, galo, pluma, lixeiro, wélter, medio e pesado, que a súa vez se dividen en masculino e feminino. As competicións terán lugar ao longo da segunda e a terceira xornada, na que se darán a coñecer os vencedores deste campionato, no que se disputan un total de 64 medallas: 16 de ouro, 16 de prata e 32 de bronce.

A tecnoloxía ao servizo do deporte

Ante a dificultade de puntuar que atopan os árbitros nas competicións é de vital importancia achegar as novas tecnoloxías ao eido deportivo mediante ferramentas que resultan de grande utilidade, posto que os dispositivos electrónicos rexistran xogadas que, ás veces, o ollo humano é incapaz de ver.
Xa hai un ano que a disciplina do taekwondo emprega os petos electrónicos, sensores colocados no protector do peito e nas guantillas dos pes dos contrincantes, situados na empeña e no talón co fin de rexistrar os agarres e patadas que teñen lugar durante a loita. Os diferentes golpes son validados e quedan rexistrados automaticamente no marcador, onde son enviados mediante tecnoloxía bluetooth. “Esta medida supón un grande adianto, posto que permite puntuar xogadas rapidísimas que os árbitros e o público non son quen de ver” argumentou Fontán. A medida máis recente para evitar polémicas nas competicións chegou da man do vídeo replay, unha ferramenta empregada por primeira vez e de xeito oficial no campionato do mundo disputado en Dinamarca, onde resultou un éxito. Este dispositivo permite xulgar a decisión arbitral grazas á gravación constante da competición, o que permite repasar as imaxes do combate en cámara lenta e comprobar se foi válida ou non. Cada un dos adestradores conta cun cartón que lle permite facer unha reclamación. Se o árbitro lle dá a razón ao seleccionador responsable da queixa, a xogada puntúase ao seu favor e conserva o cartón, mentres que se a súa demanda é desestimada perde o cartón e, polo tanto, o dereito a reclamar. Estas medidas supoñen un adianto no eido deportivo, facilitando o labor dos árbitros á hora de puntuar, especialmente en disciplinas onde esta acción resulta moi complicada, como é no caso do taekwondo. Segundo Salvador Fontán “as novas tecnoloxías aseguran unha competición transparente, de guante branco” polo que resultan imprescindibles nos campionatos que se disputen de agora en adiante no eido do taekwondo.