DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángel de la Cruz, profesor do Máster de Contidos Audiovisuais nominado aos Goya:

“Nótase a gran preparación audiovisual dos alumnos que proceden da Universidade de Vigo”

Competirá na categoría de mellor guión con Pedro Almodóvar, Icíar Bollaín e Benito Zambrano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 16/02/2012

O domingo podería conseguir o seu terceiro Goya, o primeiro como mellor guionista, pero deberá enfrontarse a profesionais da altura de Pedro Almodóvar, Icíar Bollaín ou Benito Zambrano. Ángel De la Cruz, director e guionista galego e profesor do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais da Universidade de Vigo, acode a esta vixésimo sexta edición dos Premios Goya co filme Arrugas, tamén nominada na categoría de mellor película de animación e avalada polo seu éxito entre o público e a crítica tras a súa recente estrea. Tras volver da Berlinale, Ángel de la Cruz comenta para o Duvi as súas expectativas sobre a gala do domingo ademais de valorar a formación audiovisual impartida nas aulas desta Universidade.

Xa foi vostede recoñecido con dous Goya como director por El Bosque Animado e El Sueño de una noche de San Juan. Ve posibilidades de conseguir o primeiro como guionista?
Este ano vai ser moi difícil conseguir un Goya nesa categoría tendo como competidores a Pedro Almodóvar pola Piel que habito, Icíar Bollaín por Katmandú e a Benito Zambrano por La voz dormida. Non obstante, penso que xa é un grande éxito lograr que unha película de animación consiga ser finalista nesta modalidade pois historicamente nunca sucedera, polo que coido que o nomeamento, neste caso, xa é un enorme premio. Non obstante, gañar un Goya supón a posibilidade de facer rendible o traballo, que é para o que valen os premios en xeral, en tanto que axuda a abrir portas para futuros proxectos.

Arrugas, a película de animación pola que está nomeado na categoría de mellor guión adaptado, tivo unha grande acollida entre o público e a crítica. A que se debe o seu éxito?
Posiblemente a que se fixo pensando en que era unha película sen máis. Non tivemos en mente que estábamos a desenvolver un filme de animación, senón soamente cinema. E esa é a impresión que tamén se leva o público e a crítica ao vela, esquecéndose aos tres minutos de que é animación, simplemente gozan dunha creación cunha gran dose de tenrura e dramatismo, pero tamén cargada de humor.

É profesor do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais da Universidade de Vigo. Por que decidiu formar parte deste mestrado dirixido pola profesora Anna Amorós?
Comecei a coordinar obradoiros de guión hai tempo, aínda que esporadicamente. Dende hai tres anos estou a dar clase de Dirección de cine e de outras materias na Universidad Europea de Madrid, pero decidín colaborar no mestrado que dirixe Anna Amorós porque me pareceu unha interesante oportunidade para volver impartir a materia de guión, impartindo o módulo Creatividade e xeración de ideas, para min o máis interesante de todo o proceso audiovisual. Por outra banda, quero destacar que é un mestrado que se encamiña cara a aprendizaxe de coñecementos prácticos. O alumnado non só aprende teoría e técnicas de escritura senón que desenvolve proxectos propios que despois poderá mover fóra, ademais da oportunidade de poder facer prácticas en empresas galegas.

Como valora a formación en materia audiovisual da Universidade de Vigo?
Non estou ao corrente de todo o programa impartido pero, do que coñezo, creo que tanto pola calidade do profesorado como polos medios dispoñibles, é excelente. A maioría dos estudantes que cursan este mestrado proceden da propia Universidade e nótase a súa gran preparación. Valoro ao alumnado cun sobresaliente porque saen cunha gran formación, preparación e cualificación, coñecendo ademais a realidade do día a día do sector.

Moitos dos recoñecementos á produción audiovisual galega proceden do mundo da animación, cre que Galicia é líder neste xénero?
Galicia foi líder do sector da animación dende mediados do noventa. Sen embargo, nestes momentos o seu liderado está en perigo, xa que dúas das empresas máis importantes do sector desapareceron. Aínda quedan outras que están a producir dende aquí, pero con sacrificio e esforzo pois moitos dos animadores que se formaron na comunidade viven fóra de Galicia. Segundo o meu criterio, habería que impulsar a creación dunha escola e un clúster de animación para fomentar a produción e continuar sendo líderes. No tocante ao panorama audiovisual xeral en Galicia, conseguimos ter un bo nivel de produción nos últimos anos, agora en perigo por causa, entre outras cousas, da crise. Non obstante, a nosa materia pendente segue a ser a comercialización e a promoción sobre todo no eido internacional. Non vale con facer películas e que logo queden no caixón, hai que saír fóra a buscar socios, vendelas a televisións, a outros países e, cando se teñan pechadas vendas importantes que aseguren o financiamento, entón é o momento de producilas.

En que proxectos audiovisuais está embarcado nestes momentos?
Como director estou a preparar a rodaxe da película para televisión Todos vós santos, para a Televisión de Galicia e tamén co desenvolvemento doutra baseada na novela Lume de cobiza de Miguel Anxo Fernández, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Como guionista acabo de rematar unha comedia para o cinema titulada Tres ríos e estou embarcado na escrita de dous guións para outras produtoras, un de animación e outro de imaxe real.