DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os camiñantes percorrerán máis de 100 quilómetros de Ourense a Santiago en tres etapas

Unha nova andaina cultural permitirá a 40 estudantes coñecer a Vía da Prata

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 05/05/2010

Máis de 100 quilómetros de dificultade alta que se percorrerán en tres etapas durante os días 15, 16 e 17 de maio. Son as principais características da Ruta da Vía da Prata, un novo percorrido cultural que pon en marcha o Servizo de Deportes do campus e no que participarán 40 persoas pertencentes tanto á comunidade universitaria como xente allea á institución académica. A iniciativa é a última das organizadas con motivo da programación das Rutas Culturais, unha actividade coordinada por José García Calvo, “Willy” e que constitúe “unha das actividades do campus que máis demanda ten tanto entre o alumnado como entre a cidadanía en xeral”, segundo manifestou o vicerreitor Juan Francisco Gálvez no acto de presentación da iniciativa. O coordinador dos roteiros, pola súa banda, confirmou as palabras de Gálvez subliñando que “os roteiros teñen unha aceptación magnífica quizais porque tamén a nosa provincia é magnífica”. Ao acto tamén asistiu Rodrigo Alberte, técnico do Servizo de Deportes do campus.

Unha primeira etapa “dunha dureza extrema”

Os participantes no roteiro sairán o sábado, 15 de maio, da Ponte Romana da cidade para percorrer unha primeira etapa que José García Calvo cualificou “dunha dureza extrema” xa que camiñarán 40 quilómetros en 11 horas para chegar a Castro Dozón. O domingo, 16 de maio, os participantes andarán os 35 quilómetros que separan Castro Dozón de Bandeira por un tramo de dificultade media. A terceira e última etapa do camiño prevista para o luns, 17 de maio, fórmana 35 quilómetros de dificultade media dende Bandeira ata Santiago de Compostela, onde asistirán a unha misa na Catedral.
“Willy” lembroulles aos participantes que haberá un vehículo de apoio polo que deberán levar unha mochila grande ou bolsa de viaxe con roupa e útiles de aseo para os tres días. O aloxamento será en hoteis de dúas estrelas con media pensión.

Camiñantes xa adestrados para a andaina

As Rutas Culturais comezaron o seu desenvolvemento neste curso o 24 de outubro de 2009 cun primeiro percorrido pola Ruta das Termas e seguiron celebrándose ao longo do curso académico con outras andainas nas que foron aumentando tanto o número de quilómetros como a dificultade das camiñatas. De feito un dos requisitos para participar nesta última Ruta da Vía da Prata é ter participado nun mínimo de seis roteiros anteriores porque, deste xeito, os camiñantes levarán ás súas costas a experiencia e o adestramento de ter feitos uns 200 quilómetros e poderán completar con éxito este último percorrido. Polo que respecta aos participantes na actividade, José García Calvo explicou que o 30% son estudantes universitarios e que a idade media está nos 35 anos de idade
Con todo este sábado, 8 de maio, aínda haberá outra ruta cultural esta vez polo Canón do Sil, unha andaina de 27 quilómetros e de dificultade alta na que os camiñantes percorrerán o seguinte itinerario: Os Peares, Moura, Paradela, Santo Estevo, Loureiro, Vilar, Cerreda, Mirador As Gándaras, Cámping do Castro e Mosteiro de Santa Cristina.