DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado, PDI e PAS poderá participar no proceso selectivo ata o día 21

A nova campaña de comunicación da UVigo busca as caras da pluralidade da comunidade universitaria 

As persoas aspirantes deberán enviar un breve vídeo de presentación 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 07/04/2022

Perfís plurais en todos os sectores da comunidade universitaria, que abrangue desde o alumnado de grao, ao do programa de maiores, pasando polo PDI e o PAS; distintas procedencias; idades; identidades de xénero; nacionalidades e diversidade funcional. Historias protagonizadas por calquera persoa pertencente a estes perfís é o que amosará a nova campaña de comunicación da UVigo, que pon en marcha un proceso de selección inclusivo, que será coordinado pola Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais.

Ata o 21 de abril as persoas interesadas en protagonizar a nova campaña de comunicación poderán remitir a redes sociais (Facebook, Twitter, LinkedIn ou Instagram) ou ao correo electrónico da Vicerreitoría (viccom@uvigo.gal) un breve vídeo cunha presentación, no que conten algo sobre elas e que inclúa nome e apelidos, idade e o centro de estudo ou de traballo na UVigo. As pezas audiovisuais deberán estar gravadas en formato horizontal.

Unha vez realizada a selección das persoas que protagonizarán a nova campaña, pola que recibirán unha remuneración económica, a gravación dos vídeos e as sesións de fotos desenvolveranse nos tres campus. 

'Vivo UVigo' é o slogan das pezas publicitarias do curso pasado

Logo dun confinamento ao que seguiu un curso con docencia mixta, a UVigo optara na campaña de comunicación do ano pasado por unha mensaxe centrada nas experiencias fóra das aulas, concretamente nos campus, na casa e no deporte. Con Vigo UVigo como slogan das pezas publicitarias e o movemento, o benestar e a socialización con todas as garantías como eixos, as escenas que recreaba a campaña condensaban a sensación de vitalidade e de espazos reconquistados. 

Gamas cromáticas vivas, pero sempre cun pano de fondo moi sinxelo e branco e persoas da UVigo como actores, relatores e creadores, foron dous dos sinais de identidade da pasada campaña, que mantiña a liña argumental e estética das anteriores.