DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro luns iníciase unha nova Semana de Recollida de RAEE nas diferentes facultades e escolas

Nova cita no campus coa reciclaxe de aparellos electrónicos

A iniciativa enmárcase no proxecto Green Campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/10/2018

No marco das actividades do proxecto Green Campus, a Vicerreitoría impulsa o vindeiro luns 22 a oitava edición da Semana de Recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), na que se instalarán nas diferentes facultades e escolas, así como na Casa das Campás, no Pavillón Universitario e na Escola Infantil do campus, puntos de recollida nos que a comunidade universitaria poderá depositar todo tipo de dispostivos que funcionan con electricidade, pilas e baterías, e que, polas súas características contaminantes, precisan dun tratamento específico como residuos. 

Esta actividade, que se estende ata o venres 26, constitúe a oitava edición dunha iniciativa que nos últimos tres anos posibilitou a recollida, entre outros centos de obxectos, de 60 ordenadores, 47 monitores, 39 impresoras, 19 teléfonos ou nove portátiles. Trátase dunha actividade, como sinala o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, que busca promover “a concienciación e educación ambiental”, e que á vez permite que os dispositivos recollidos sexan trasladados, coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade (OMA), a un xestor autorizado, “á vez que promovemos que algúns equipamentos informáticos poidan ser reciclados a través do Gruvi (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo).