DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 19 de novembro ata o 2 de decembro

Nova convocatoria de exames, novo horario da Biblioteca Universitaria

As salas abirán de noite e nas fins de semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 14/11/2011
Achégase unha nova convocatoria de exames e as bibliotecas comezan a notar unha maior afluencia de estudantes que preparan as probas de avaliación. Co paso dos días, as horas de estudo intensifícanse e faise preciso ampliar o horario de apertura destas instalacións. Por iso, e como vén sendo habitual nos últimos anos, a Universidade de Vigo porá en marcha a partir da vindeira fin de semana a apertura nocturna e nas fins de semana das súas bibliotecas, coincidindo coa convocatoria de fin de carreira e coa de decembro para as titulacións a extinguir, ambas entre o 28 de novembro e o 3 de decembro.

O novo horario de apertura das salas estréase este sábado 19 de novembro e alongarase ata o 2 de decembro, nas bibliotecas centrais dos campus de Pontevedra e Ourense e a biblioteca de Torrecedeira. Nos días laborables, as instalacións permanecerán a disposición do estudantado en horario intensivo ata as 3.00 horas, mentres que nas fins de semana deste período, estarán abertas dende as 8.00 horas ata as 22.00 h, agás a Biblioteca Central do campus vigués, que abrirá ás 9.00 h e pechará as súas portas ás 21.00 horas.

A utilidade desta medida quedou xa demostrada en anos anteriores, con bibliotecas ateigadas de mozos e mozas fincando os cóbados. Paz Canduela, subdirectora da Biblioteca Universitaria explica que o obxectivo desta ampliación de horarios é “facilitar ao estudantado un espazo de forma ininterrompida, que se axuste ás súas necesidades”.

Contratación de persoal e servizos

Para poder cumprir co horario estipulado de forma satisfactoria, contrataranse para este período especial un total de 19 traballadores e traballadoras. Dezaseis deles exercerán o seu labor durante a fin de semana, catro por cada biblioteca, facendo quendas de mañá e de tarde. Durante a semana, incorporaranse tres conserxes que cubrirán a biblioteca de Torrecedeira e as centrais de Pontevedra e Ourense.

Neste caso, as condicións de uso dos servizos das bibliotecas mantéñense, exceptuando o servizo de préstamo durante o horario nocturno e de fin de semana. Ademais, a convocatoria de exames non inclúe a suspensión das horas lectivas senón que se manteñen os calendarios docentes estipulados para cada grao.