DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova convocatoria do programa Erasmus ofrece máis de 1100 bolsas para o vindeiro curso 2008-2009

O prazo de presentación de solicitudes remata o 26 de febreiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 07/02/2008

Os estudantes que o vindeiro curso académico 2008-2009 queiran aproveitar as posibilidades que a Universidade lles ofrece no ámbito da mobilidade terán á súa disposición 1186 bolsas do programa Erasmus. Trátase dunha oferta ampla que “permitirá que todos os alumnos interesados teñan a posibilidade de elixir destino”, como subliña Amelia Rodríguez, responsable da Oficina de Relacións Internacionais. Destes xeito, esta nova convocatoria é a maior das que ten ofertado a Universidade, xa que ano tras ano se van sumando universidades ao programa, o que implica unha maior diversidade nos destinos e aumenta as posibilidades de elección para os alumnos.
Aberta ata o vindeiro 26 de febreiro, a convocatoria de prazas distribúese de xeito que “ao campus de Ourense lle corresponden 279 bolsas, ao de Pontevedra 136 e ao de Vigo 771”, apunta a responsable da ORI. Para poder solicitar unha destas bolsas do programa Erasmus os interesados deben estar matriculados na Universidade de Vigo no curso no que se realizará a estadía, 2008-2009, como mínimo en segundo curso de carreira ou ben estar a realizar o proxecto fin de carreira ou ser estudante de terceiro ciclo. Ao tempo, tamén se debe acreditar un nivel de coñecemento do idioma esixido para o país de destino e ser cidadán dalgún dos 27 países membros da Unión Europea, Islandia, Liechstenstein, Noruega ou Turquía ou posuír o estatuto de residente permanente en España.
A duración das bolsas varía segundo a praza, sendo sempre superior a tres meses e inferior aos dez meses dun curso académico. Para financiar a estadía nas universidades de destino, os estudantes poden solicitar as axudas do propio programa Erasmus, as da Universidade de Vigo e outras complementarias como as do Ministerio de Educación e Ciencia ou da Xunta de Galicia.

A universidade galega con máis Erasmus

Italia, Alemaña e Francia seguen a ser os destinos preferidos para os estudantes da Universidade de Vigo que, segundo os últimos datos do curso 2006-2007, é a institución galega con máis alumnos estudando no estranxeiro. Neste curso son 534 os estudantes que marcharon ou marchan no segundo cuadrimestre, 390 do campus de Vigo, 55 do de Pontevedra e 89 de Ourense. Por centros, son a ETSE Industriais e a ETSE de Telecomunicación as que máis alumnos teñen estudando noutros centros de educación superior europeos, seguidas da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Coñecemento de idiomas

Entre os requisitos para solicitar a estadía nunha das universidades que forma parte deste programa, os solicitantes deben acreditar un coñecemento do idioma de país de destino. Isto pode acreditarse mediante certificacións como por exemplo o TOELF para o inglés, o Goethe Institut Zertifikat para o alemán ou o DELF B1 para o francés. Os estudantes que non acrediten estes coñecementos deben realizar probas escritas de idioma, que terán lugar o vindeiro 4 de marzo.

Sesións informativas

Para informar das condicións, requirimentos e prazos da convocatoria de bolsas Erasmus 2008-2009, dende a ORI vanse organizar unha serie de charlas informativas cos estudantes. A primeira delas terá lugar o 19 de febreiro na ETSE Industriais e no Edificio Politécnico no campus de Ourense. O día 20 as sesións celebraranse no Edificio de Ciencias Experimentais e na Facultade de Filoloxía e Tradución, ambos no campus de Vigo. Ao día seguinte, as citas serán na EUET Industrial en Vigo, e na EUET Forestal no campus de Pontevedra. A última charla será na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o día 22.
Para consultar todos os datos do programa e os horarios e lugares das sesións informativas, está dispoñible na páxina web da ORI a resolución reitoral da convocatoria.