DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus pontevedrés dá a benvida ao alumnado estranxeiro

Nova cultura, nova lingua, novas experiencias

25 estudantes chegan para este segundo cuadrimestre procedentes principalmente de Brasil e Italia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 11/02/2011

“Welcome, bienvenidos, benvidos”. Nos tres idiomas deulle o recibimento Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais ao alumnado estranxeiro que vén estudar ao campus pontevedrés no segundo cuadrimestre. A maioría dos 25 novos alumnos e alumnas que se incorporan neste mes de febreiro ás aulas estiveron presentes no acto de benvida que a Vicerreitoría do campus lles tiña preparado para informalos dos principais servizos e actividades que teñen á súa disposición durante a súa estadía, “porque o importante non é só estudar, senón que coñezades Galicia e a nosa cultura”, engadiu Eva Garea, técnica superior da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade.

Brasil e Italia, principais países de orixe

Coa chegada destes 25 novos alumnos estranxeiros, o campus de Pontevedra acollerá no curso 2010/2011 un total de 69 estudantes foráneos, grazas ao programa Erasmus, Erasmus Mundus e a convenios bilaterais da Universidade de Vigo con outras institucións. Procedentes de países latinos e europeos preferentemente, os lugares de orixe máis comúns son Brasil e Italia en primeiro lugar, “pola semellanza lingüística e cultural”, apuntou o vicerreitor de Relacións Internacionais. Nun segundo termo atópase Portugal “que a pesar de ser veciño, sempre está moi presente nos intercambios”, e Alemaña “que resulta curioso, pois os nosos pensan en emigrar para alá e en cambio eles véñense estudar para aquí”, comentou Manuel Fernández Iglesias.

Un dato que diferenza ao campus pontevedrés do ourensán ou vigués é a baixa taxa de presenza de estudantes polacos, xa que, “a pesar de que Polonia resulta ser un dos países que máis alumnos estranxeiros achega á Universidade, xunto con Alemaña e Italia, o campus pontevedrés soamente acolle a unha alumna desta nacionalidade en todo o ano”, aclarou.

Pola súa banda, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación consolídase no centro que máis alumnado estranxeiro recibe neste curso 2010/2011, amparando a máis do 50% do total. Belas Artes representa outra parte importante, seguidas a moita distancia de Ciencias da Educación e do Deporte, de Fisioterapia e de Enxeñería Forestal.

No acto de benvida tamén estivo presente Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus que lles adiantou toda a programación de primavera da vicerreitoría, “actividades culturais nas que reinarán o cine, a música, o teatro e a danza e que serán totalmente gratuítas”. Así mesmo técnicos das áreas de Cultura, Deportes, Centro de Linguas, Normalización Lingüística e Biblioteca presentáronlle os servizos que teñen á súa disposición para que aproveiten ao máximo a súa estadía tanto “para estudar, para coñecer o idioma como para coñecer Galicia e a súa historia”.

Primeiras impresións

Como ben apuntou a responsable da ORI en Pontevedra, Úrsula Pérez, a chegada a un país novo sempre resulta complicada polo idioma, pero “para iso nós axudámoslle en todo nestes primeiros días de adaptación, sobre todo na procura de piso que adoita ser no que máis me demandan axuda, porque non se entenden co seu interlocutor”. Á hora de escoller vivenda prefiren compartir piso con estudantes españois “por iso de practicar e mellorar o idioma”.

A pesar das dificultades, a impresión dos novos estudantes de intercambio está a ser moi positiva, tanto dos centros de estudo como da cidade. Así, Nicolás Núñez e Francisca González, procedentes de Chile para estudar no grao en Ciencias da Educación Física e do Deporte, recoñeceron que “a facultade está moi ben equipada e é moi moderna, ademais de que se respira tranquilidade e familiaridade”. Do mesmo xeito Donato Colangelo, italiano, fala do grao en Comunicación Audiovisual atopándose “cuns compañeiros de clase moi amigables e cun centro moi organizado”. Heli Halonen, estudante de intercambio finlandesa, acaba de chegar á Facultade de Belas Artes na que confesou que aínda se perde “polo grande que é”.

Da cidade tamén salientaron aspectos positivos, resaltando o acolledora e tranquila que lles resulta. Laura Santos, que chegou de Brasil para estudar Publicidade e Relacións Públicas confesou que escolleu Galicia “porque uns compañeiros xa me contaran de que era moi bonito todo” e destacou as rúas de Pontevedra, “moi diferentes ás do meu país e grazas a que é unha cidade moi pequena non teño que usar transporte público e podo ir a todos os sitios paseando e gozando da paisaxe”.