DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade aumenta a súa oferta formativa

Nova edición do curso de comunicación escrita en inglés académico

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Anabel Vila DUVI 11/01/2011

A internacionalización dos traballos universitarios é unha realidade á que non é allea a Universidade de Vigo, por iso a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade decidiu ampliar as súas accións formativas cara ao persoal docente cunha nova edición do curso de Comunicación escrita en inglés académico: aspectos básicos na redacción de artigos que abre este mércores o seu prazo de matrícula na plataforma Bubela.

Trátase dunha proposta coa que se pretende formar ao persoal investigador na elaboración de artigos en inglés, tanto dende os aspectos formais, como pode ser a correcta puntuación dun texto ou o uso das abreviaturas, ata os aspectos gramaticais, como o uso dos tempos verbais. Traballaránse tamén cuestións de estilo e problemas de confusión entre termos de uso común na linguaxe académica. Como explica Rosa Alonso, profesora do curso xunto con Laura Torrado, “o principal problema é o coñecemento da lingua. Os investigadores xa están afeitos aos artigos, á súa estrutura, pero non ao idioma. Fanno mal sen decatarse”. Por iso o seu principal obxectivo de cara a esta nova edición é que os seus alumnos "teñan maior autonomía” no seu traballo investigador. Nesta liña o curso que se impartirá en Vigo estará especialmente orientado a áreas máis técnicas, especialmente ás enxeñerías, que requiren “un nivel avanzado” no uso do idioma, segundo explicaba Alonso.

Aberto o prazo de matrícula

O curso, que manterá o prazo de matrícula aberto na plataforma Bubela ata o 14 de febreiro, celebrarase os días 16, 17 e 18 do devandito mes, de 16.00 a 20.00 horas, e os participantes, ata un máximo de 24, recibirán un certificado, sempre que asistan, polo menos, a cinco sesións completas das seis que ten o obradoiro.