DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novo número ‘Gaudeamus’ preséntase como unha homenaxe ao seu fundador, Miguel Ángel Yebra

Nova entrega da revista do alumnado sénior do campus

Trátase dunha publicación anual que se difunde tanto en papel como en formato dixital

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/06/2023

Coordinada pola asociación de alumnado e exalumnado sénior do campus de Pontevedra (Asaexs), Gaudeamus é unha revista dirixida a “dar voz” ao alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM) no campus pontevedrés, nacida en 2016 da man do que fora estudante deste programa Miguel Ángel Yebra, falecido o pasado mes de xaneiro. De aí que a nova entrega desta publicación, que ve a luz en papel grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, se presente como unha homenaxe ao seu fundador e director ata hai uns meses. “Este número é moi especial”, recoñecen desde Asaexs da novena entrega desta revista, nacida como unha iniciativa particular de Yebra e que posteriormente pasou a ser coordinada desde Asaexs, asociación da que foi tamén presidente. 

Cos estudantes do PUM Concepción Mumary, José Luis Fernández e Juan José Meilán como coordinadores, o número 9 de Guadeamus, que pode consultarse tamén en formato dixital e reúne os artigos dunha ducia de alumnos e alumnas sénior, xunto cunha firma convidada, a do presidente da Academia Xacobea e exconselleiro da Xunta de Galicia, Xesús Palmou. O número ábrese cun texto de homenaxe ao fundador da revista e cun artigo do propio Yebra, para logo recoller tamén outra serie de artigos que abranguen un amplo conxunto de temáticas, desde a contorna do río Gafos, ao club Bilderberg, pasando polos beneficios dos tileiros, o Camiño de Santiago ou un percorrido pola comarca de Valdeorras. Este “magazine sociocultural” complétase así mesmo cun espazo dirixido a facer balance das actividades desenvolvidas polo PUM e a asociación ao longo de 2022. “A temática é unha continuidade da dos números anteriores”, sinalan desde Asaexs, que explican que o punto de partida de boa parte dos artigos son traballos de fin de materia realizados polo alumnado do PUM.

Un proxecto que continuará

“Miguel Yebra puido contribuír de maneira moi activa ata practicamente o final; queda o seu labor e esta xunta directiva comprometeuse a continuar cun proxecto estupendo que non pode nin debe ser esquecido”, salienta a presidenta de Asaexs, Gloria Pérez Prieto, respecto da continuidade de Gaudeamus. De periodicidade anual, desde a asociación traballan xa na preparación do número dez da revista, no que, explica, buscarán sumar unha maior participación de alumnas sénior. “É un feito que a presenza feminina é moi superior á masculina nas materias que  compoñen os dous ciclos” deste programa “e iso debería notarse na nosa revista”, sinala a presidenta de Asaexs. Así mesmo unha das novidades que buscarán incorporar ao próximo número é a de crear audios dos diferentes artigos, aos que se poida acceder a través dun código QR.