DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderá visitarse ata o próximo 17 de setembro

Unha nova exposición no edificio Redeiras convida ao público a descubrir a ‘arqueoloxía dixital galega’

Está comisariada por Óscar Penín, investigador do grupo GEAAT do campus de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI 21/07/2023

Que fai Microsoft contratando arqueólogos? Esta é a inesperada pregunta que serve de arranque á exposición Arqueoloxía dixital galega, a nova mostra que pode visitarse no edificio Redeiras. Comisariada por Óscar Penín, investigador do GEAAT , o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Facultade de Historia, a exposición adéntrase no traballo da pouco coñecida arqueoloxía contemporánea e nas súas cada vez máis fondas conexións cos mundos virtuais.

A través de textos áxiles e didácticos, ofrece unha visión sobre arqueoloxía da web, a arqueoloxía dos videoxogos e os seus formatos físicos, así como do arqueogaming e os seus impactos sociais, trazando un retrato que parte dunha perspectiva global e acaba pondo o foco sobre o estado da cuestión en Galicia.

A exposición pode visitarse ata o próximo 17 de setembro no terceiro andar do edificio Redeiras, no Berbés. En xullo e agosto o horario é de 09.00 a 14.00 horas – agás do 7 ao 22 de agosto, ambos incluídos, período no que o edificio estará pechado-, e, xa en setembro, o horario amplíase ata as 21.00 horas.