DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres presentáronse as webs do centro, da delegación de alumnos, do mestrado e do profesorado

Unha nova fiestra en Internet para a Facultade de Dereito

O seu obxectivo é facilitar o acceso á súa información e mellorar a comunicación cos diferentes públ

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 25/04/2014
As páxinas webs das facultades e escolas universitarias teñense convertido nos últimos anos nunha ferramenta fundamental de información e comunicación, tanto de cara aos públicos internos como externos. Por este motivo, cada día é maior o coidado que se fai da súa imaxe e dos seus contidos. Co obxectivo de mellorar a súa presenza en Internet, a Facultade de Dereito do campus de Ourense presentou este venres as súas novas páxinas webs, concretamente as do centro, a da delegación de alumnos, a do mestrado en avogacía e as de profesorado.

Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito; Virxilio Rodríguez, vicedecano de Planificación e Calidade do centro; Beatriz Solano e Soraya Martín, presidenta e vicepresidenta respectivamente da Delegación de Alumnos de Dereito; Fernando González, representante da empresa Ideit; Abel Estévez, da empresa Arinfo, e Alejandro Pérez, secretario do Colexio de Avogados de Ourense, foron os encargados de presentar as novas webs aos membros da comunidade universitaria que se deron cita no acto. “As páxinas que presentamos hoxe son o froito dun largo e intenso traballo que permitirá ao centro ofrecer unha imaxe nova e actualizada, ao nivel das demais facultades estatais e internacionais”, apuntou Roberto Bustillo.

Páxina principal

Sobre a nova páxina web da facultade, entrada para as demais webs presentadas, Virxilio Rodríguez destacou que “é unha nova fiestra aberta para que os membros da comunidade universitaria e a sociedade en xeral coñeza o centro e as súas titulacións”. Os obxectivos que buscou o seu redeseño, comentou, foron mellorar a accesibilidade, optimizar a estruturación da información, actualizar e ampliar os contidos, mellorar a imaxe institucional, gañar en transparencia e axustarse ás recomendacións da ACSUG nos informes anuais dos títulos do centro, atendendo aos criterios de calidade esixidos.

Deste xeito, a web ofrece información sobre o equipo de goberno, as titulacións, o alumnado, o profesorado, a actividade en I+D+i, a actualidade do centro e os datos de contacto. Entre todos estes apartados, o vicedecano destacou a incorporación do espazos de I+D+i como unha ferramenta para que interna e externamente se dea pulo ao traballo que neste eido se realiza na facultade ourensá. “O seu deseño é claro, sinxelo e efectivo, facéndose un gran esforzo na elaboración e estruturación dos contidos”, destacou Fernando González do traballo realizado pola empresa Ideit nesta web.

Novas incoporacións

Deste esta páxina de entrada, no apartado de alumnado, os usuarios poden acceder á recentemente creada web da Delegación de Alumnos de Dereito. “A súa apertura vai ser unha mellora clara no acceso a contidos importantes para o alumnado. Vamos a conseguir unha maior e mellor comunicación cos estudantes”, apuntaron as responsables da entidade durante a presentación. Na web, os usuarios poden coñecer desde os obxectivos desta delegación e o seu goberno ata os servizos e actividades que ofrece. Esta páxina, ao igual que a do Máster Universitario en Avogacía e as páxinas individuais de cada docente foron elaborados pola empresa Arinfo, que na súa presentación destacou o feito de que o traballo non rematou coa publicación das novas webs, senón que continuará coa ampliación paulatina dos seus contidos e coa súa actualización.

Nesta nova actualización da presenza en Internet do centro, cada profesor da facultade que o desexe pode ter a súa propia web como un espazo propio no que publicar a súa fotografía, datos de contacto, curriculum, publicacións e información sobre o seu traballo docente e investigador, tal e como xa se pode ver nas webs dos docentes José Agustín González-Ares ou Pablo Raúl Bonorino, por exemplo. Por último, na web do Máster Universitario en Avogacía tanto as persoas interesadas na súa realización como os estudantes xa matriculados nel poden obter toda a información precisa sobre estes estudos de posgrao no centro ourensán.