DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo de baloncesto feminino ascende pouco a pouco aos primeiros postos da súa categoría

Unha nova fin de semana de vitorias para os equipos de baloncesto e rugby do campus

O Campus Ourense Rugby gaña por un contundente 8-31 ao Fendetestas Rugby Club

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 07/02/2011
Os equipos de baloncesto e rugby do campus de Ourense están facendo unha excelente tempada e, fin de semana tras fin de semana, van afianzando os seus bos resultados. En baloncesto o sábado o Universitario Campus Ourense sénior masculino gañou ao Cruz Alta e continúa liderando a súa categoría, o feminino subiu a un destacado terceiro posto e os júnior sumaron a súa segunda vitoria seguida. Pola súa banda, o Campus Ourense Rugby gañou ao Fendetestas Rugby Club por un destacado 8-31 e continúa tamén líder da súa categoría.

O equipo feminino de baloncesto está facendo unha excelente tempada e a pesares de ser a primeira vez que xoga nesta categoría, partido a partido o equipo que adestra Roberto Rapela está ascendendo postos. Despois de gañar esta fin de semana ao ED Lourenzá 69-78, o Universitario Campus Ourense sitúase terceiro na liga detrás do Celta Baiona Nova Caixa Galicia e o CB Arxil Mafari.

Pola súa banda, o equipo de baloncesto masculino sénior enfrontouse o sábado ao Cruz Alta e acadou un axustado resultado final de 60-58 que o mantén como líder da súa categoría na Liga da Federación Galega de Baloncesto. Segundo explica o seu adestrador, Javier Pérez, “o partido foi bastante complicado, xa que no descanso perdiamos por 14 puntos e só tiñamos anotados 23, pero despois do descanso conseguimos retomar o xogo e darlle a volta ao marcador”. Tamén gañaron por un axustado resultado, concretamente un 61-64, o Campus Ourense Blanco Amor de baloncesto júnior, que despois da súa vitoria fronte a BCA mantense mediada a táboa con seis partidos gañados e dúas derrotas.

Á espera de gañar a liga de rugby sénior

No que atinxe ao rugby, O Campus Ourense de Rugby sénior está eufórico. Esta fin de semana gañaron por un contundente 8-31 ao Fendetestas Rugby Club, o que supón que se gañan o vindeiro sábado o partido contra o Gallaecius proclamaranse campións da liga. "Durante o partido os ourensáns dominaron ben as posesións para asegurarse unha vitoria, que aínda que loitada por momentos, solventouse axiña con dous ensaios nos primeiros minutos do partido" explica o adestrador Javier Conde.

A esta vitoria hai que engadir a súa satisfacción porque o equipo xa adestra nas novas instalacións deportivas exteriores do campus de Ourense e logo poderán xogar alí os seus partidos oficiais.