DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Suárez, director da Área de Imaxe:

“A nova imaxe comezará a aplicarse o curso que ven coincidindo co vinte aniversario”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/11/2008
Imperativos da familia levárono a estudar Enxeñaría Técnica Electrónica, pero unha vez rematados, a súa afección pola fotografía e o audiovisual fíxoo emprender un camiño ben diferente que o levaría a unha vida profesional dedicada ao mundo artístico. Fernando Suárez é o director da Área de Imaxe da Universidade de Vigo, ao tempo que profesor na Facultade de Belas Artes. En pleno concurso internacional de ideas para dotar á institución dun novo logotipo, Suárez describe para o DUVI as principais características da área que dirixe.

De enxeñeiro en Palencia a artista en Galicia. Como se dá este salto?
A miña vocación sempre foi o mundo da fotografía, aínda que ás veces, sobre todo naquela época, a influencia familiar levaba a estudar outro tipo de titulacións, no meu caso enxeñaría que, pese a que nunca me interesou profesionalmente, me serviu despois para aplicar máis do que eu pensaba no ámbito da creación. Unha vez rematada esta primeira formación comecei a estudar fotografía pola miña conta e despois licencieime en Belas Artes pola Universidade de Cuenca.
No campo artístico mergulleime en Madrid nos anos 80. A Galicia cheguei no 93, cando me contrataron para realizar varios traballos con motivo da celebración do Xacobeo e, a partir de aí, xurdíronme traballos case de xeito continúo aquí, entre eles unha colaboración coa Facultade de Belas Artes, onde me invitaron para dar unhas clases a principios do 95 e, dende entón, ata hoxe.

Coa chegada do actual equipo de goberno creouse a Área de Imaxe e foi nomeado director. Que supuxo para vostede?
Un reto moi interesante. A Universidade tiña neses momentos unha imaxe moi dispersa, pouco definida, pese a ser unha Universidade forte e con moito potencial tiña moi escasa visibilidade.
A imaxe institucional da Universidade estaba moi desdebuxada, non existe realmente e ese é o meu obxectivo: pór en marcha unha área de imaxe capaz e afrontar o reto de xerar unha identidade corporativa no senso máis amplo, é dicir, que a imaxe se potencie tanto na cara interna como externa. Para isto houbo que construír un equipo de traballo que, aínda en proceso de articulación, é o encargado de xestionar no día a día, todas as tarefas da área.

O concurso do logotipo é un primeiro paso para lograr esa identidade?
Por suposto. O logotipo antigo, feito en 1989, non foi asumido como propio. Nas enquisas que realizamos moi pouca xente ten establecido un vínculo emocional con el, polo que parecía que non era adecuado intentar retomalo e redeseñalo. Con este concurso o que se busca e atopar esa imaxe coa que todos nos identifiquemos e que asumamos como propia .
Na actualidade estase empregando o escudo deseñado en 1995 como si se tratase do logotipo. Neste sentido é importante aclarar que non ten nada que ver o logotipo co escudo, un símbolo de identidade académica empregado en certificados e demais documentos que conleven o sello académico.
A marca é outra cousa, é algo comercial e como tal débese interpretar. Ten que xerar unha visibilidade e unha identificación tanto de alumnado como de profesorado e persoal de administración e servizos con esa marca.

Unha vez elixido o logotipo, cal será o seguinte paso?
Digamos que o concurso ten dúas fases: unha de ideas, a busca do logotipo, e logo haberá que desenvolvela. Para isto convocarase un novo concurso entre un determinado número de empresas e a gañadora será a encargada de facer todo o desenvolvemento do logotipo e a imaxe corporativa.

De canto tempo estamos falando?
O logo definido e en funcionamento estará no segundo cuadrimestre e a imaxe corporativa comezará a aplicarse o curso que ven coincidindo co vinte aniversario da Universidade. Será un comezo de curso e de década con nova cara.
O importante é que collamos ese logo coma un potenciador de onde estamos. Actualmente os centros, áreas, posgraos, departamentos... actuamos coma pequenas parcelas e non nos damos conta da verdadeira importancia que ten o contedor de todo isto que é a propia Universidade de Vigo e todo aquilo que está desenvolvendo. Nós somos parte diso, estamos nunha Universidade moi potente e todo aquilo que fagamos desde a nosa parcela vaise ver reforzado por esa imaxe xeral.

Fala da importancia de que toda a comunidade universitaria asuma o logo coma propio. Como se vai difundir?
Virá co desenvolvemento das normas corporativas. Non faremos unha aplicación total e repentina, senón que será un proceso que se irá impoñendo de xeito moi paulatino. De súpeto non se cambiará toda a papelería, sinaléctica, etc. pois sería un esforzo económico brutal, ao tempo que absurdo.

Máis alá deste proxecto, que traballos se levan a cabo dende a Área de Imaxe?
De momento estamos en proceso de desenvolver a área e, sobre todo, facemos un importante labor de asesoramento en todo o que se refire a imaxe: como se deben empregar os símbolos da Universidade, como enviar os diferentes traballos a imprenta... Tamén intentamos xerar un pouco de cultura visual pois é importante que a imaxe que demos se corresponda co contido da institución. Se empregamos uns deseños anticuados ou cortados e pegados damos unha imaxe pobre, case de afeccionados. Temos que transmitir unha imaxe profesional que é o que é a Universidade.
Ademais o noso traballo cotiá inclúe o deseño de toda a publicidade institucional, así como de diferentes publicacións tamén de carácter institucional.

Nese labor de asesoramento, que tipo de servizo demanda máis a comunidade universitaria?
É habitual que nos pidan o deseño de carteis, folletos, etc. pero ese non é o noso labor pois seriamos incapaces de asumir o deseño de todo o que se fai na Universidade. Cando teñamos a nova imaxe corporativa, aí estarán as normas que regulen todos eses traballos e exemplos variados para que calquera deseñador poida aplicalos.
Agora mesmo os obxectivos fundamentais da área están en sacar adiante esas normas, pois só así poderemos conseguir unha imaxe coherente.

Que outros proxectos hai en marcha?
A construción dunha mediateca, o arquivo histórico de imaxes do que é a Universidade de Vigo. Así como a historia bibliográfica, documental, de discursos... é moi importante non o é menos a visual, pois igualmente forma parte desa memoria histórica.
Terá dúas funcións básicas: unha, gardar a memoria, e outra, cando as distintas áreas, centros... necesiten imaxes poderlla facilitar cunha certa calidade.