DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun curso de formación na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Unha nova oportunidade para aprender as potencialidades da sociedade cooperativa como fórmula de autoemprego

A solicitude de admisión deberá ser presentada antes do 6 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 01/10/2009

Un achegamento ás potencialidades das sociedades cooperativas como empresas xeradoras de emprego é o obxectivo principal dun curso de formación dirixido pola profesora María José Cabaleiro Casal e José Manuel García Vázquez, comisionado do Plan Estratéxico da Universidade de Vigo, que se desenvolverá do 13 de outubro ao 5 de novembro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Será a primeira das xornadas cando teña lugar o acto de inauguración ao que asistirán entre outros Odilo Martiñá, director xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia; Purificación Alonso, presidenta da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA) e os directores do curso; e na que o catedrático da Universidade Complutense de Madrid, Carlos García-Gutiérrez, impartirá a conferencia inaugural baixo o título Claves para o futuro empresarial: emprendemento e traballo de calidade e sociedades cooperativas.
Esta é xa a terceira edición deste obradoiro orientado a alumnado e profesionais da especialidade, que teñen de prazo ata o vindeiro martes, día 6, para matricularse. Trátase dunha boa oportunidade para coñecer as posibilidades de autoemprego que ofrece o cooperativismo e, no caso do estudantado, completar a formación co coñecemento de estruturas societarias de economía social. “A xestión de sociedades cooperativas é unha cuestión que non se recolle nas materias das actuais licenciaturas en ciencias sociais, deste xeito téntase completar a formación dos futuros licenciados neste campo, pois trátase de persoas que están a piques de incorporarse ao mundo laboral”, explica Cabaleiro. Non obstante, o curso está tamén dirixido a persoas xa tituladas e profesionais relacionados directamente coa especialidade.

Estudo virtual e presencial, con xornadas e traballos prácticos

O curso semipresencial ten unha parte de traballo, “máis teórica e de fundamento”, a través da plataforma virtual e-learning, que se complementa coa formación presencial, consistente en dúas clases á semana para “apoiar e ampliar contidos”. Serán profesores da Universidade de Vigo e doutras de fóra, xunto con funcionarios das administracións públicas e expertos vinculados directamente ao mundo das sociedades cooperativas os encargados de impartir estas sesións, “co obxectivo tamén de crear unha participación máis activa por parte do alumnado”, remarca Cabaleiro. Neste senso, é a destacar o principal exercicio ou reto a bater ao longo deste mes, “pois encárgaselles aos alumnos a creación dunha teórica cooperativa con todos os requirimentos que iso supón, para a súa posterior presentación en público”.
Pero a gran novidade deste ano é, sen dúbida, a celebración dunha xornada específica, “tratando o tema da cooperativa de traballo asociado e de servizos profesionais e empresariais”, na que participarán coas súas experiencias persoas da Federación de Cooperativas e representantes de distintas cooperativas. Esta actividade, que se celebrará o 3 de novembro, estará aberta ao público en xeral. Ademais, ao igual que noutras edicións, os alumnos terán acceso ás II Xornadas Virtuais organizadas pola Asociación de Estudios Cooperativos (AECOP).
Así pois, preténdese preparar ao estudantado “para que sexa quen de abordar problemas complexos que posteriormente deberá enfrontar na empresa e de artellar e dar viabilidade ao desenvolvemento de actividades económicas e profesionais”, explica Cabaleiro. Dentro do programa abrangueranse diferentes temas como o marco legal destas sociedades, os fundamentos do modelo cooperativo como empresa, os trámites para a creación dunha entidade deste tipo, o réxime económico, aspectos contables e fiscais, o plan de emprego e as boas prácticas de xestión e a planificación financeira.

20 prazas con prazo de inscrición ata o vindeiro martes

Aínda só ofertando 20 prazas, este curso de formación está a ter unha alta demanda por parte do alumnado. Esta limitación da matrícula débese fundamentalmente á metodoloxía de ensinanza adoptada, “pois existe bastante contido virtual e non podemos abrirnos de xeito masivo, porque non seriamos capaces de levar a bo fin o proceso de retroalimentación que esta metodoloxía docente precisa”, sinala Cabaleiro.
Deste xeito, aqueles interesados deben darse présa e presentar a admisión no Decanato da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias ou na web https://bubela.uvigo.es antes do martes 6 de outubro. A selección dos alumnos realizarase atendendo ao expediente académico, experiencia profesional e entrevista persoal se se considerase necesario. A resolución do Comité de admisión comunicaráselles antes do día 7 e a matrícula debera formalizarse antes do venres 9.