DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É un proxecto do grupo de investigación Dx7 da Facultade de Belas Artes

Nova plataforma multimedia para divulgar a creatividade galega dos 80

Pretende suplir a carencia documental sobre os movementos culturais desa década

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 28/04/2010
O grupo de investigación Dx7 da Facultade de Belas Artes vén de dar a coñecer o seu proxecto Wiki Map. Galicia Culture, unha interface multimedia para divulgar os movementos creativos emerxentes nos anos 80 en Galicia: a videocreación, a moda, a fotografía e as artes escénicas. Xerada para conter unha análise visual e conceptual da cultura desa década, está articulada como unha base de datos en liña. Nela recompílanse recursos textuais e multimedia, con numerosas entrevistas cos protagonistas do momento, achegando un importante recurso documental con testemuñas de primeira man. Pretende así suplir a carencia bibliográfica sobre esa época de mudanzas.
Como explica Cristina Varela, unha das integrantes do equipo de traballo que puxo en marcha este proxecto, “xurdiu pola tentativa de vincular as especialidades dos distintos membros do grupo de investigación, cunha parte máis centrada no ámbito das novas tecnoloxías e dedicada á creación de ferramentas interactivas e a outra na revisión dos movementos culturais dos anos 80”.
A iniciativa púxose en marcha tamén como un xeito de normalizar a información existente nunha base de datos ordenada. “Á hora de desenvolver as nosas investigacións atopámonos con que non hai moita bibliografía nin documentación sobre esa época e a pouca que hai non está sistematizada”, explica Varela ao respecto.
No relativo ao deseño e a estrutura da web o grupo procurou empregar un modelo sinxelo e intuitivo para facer atractiva a navegación e tamén o acceso á información. Deste xeito, está pensada para o seu uso nun eido académico, pero tamén por calquera persoa interesada no ámbito creativo.
A Wiki Map. Galicia Culture presentouse no seo dun congreso en Portugal e con motivo da exposición Os 80. Moda en Galicia. Singularidades que se pode ver no Pazo da Cultura, coa finalidade de ir enchendo de contido progresivamente as diferentes áreas.

Unha estrutura ampliable no tempo

“Cada un de nós abordou a área máis afín ao traballo que realizamos habitualmente”, explica Cristina Varela. Deste xeito, ela mesma coordinou o apartado de deseño de moda, Fernando Suárez Cabeza encargouse do de creación audiovisual, Marta Riera do de ilustración e Andrés Pinal do de fotografía. “As persoas que se van incorporando á investigación van abrindo paulatinamente novas áreas co obxectivo de ampliar o abano do que entendemos por artes plásticas convencionais: debuxo, pintura, escultura...”, comenta a investigadora, salientando que en breve poñerán en marcha a sección de teatro e creación escénica. Segundo explica, “o proxecto pensouse como unha base de datos na que ir subindo información para ampliala no tempo e por iso se escolleu unha estrutura moi fácil de actualizar tanto nas áreas como nos contidos”.
Completaron o equipo de traballo da Wiki Map Lola Dopico, Silvia García, Marcos Dopico, Alberto Valverde e Alberto García Ariza, coa colaboración de Rocío Gómez Juncal, Fran Miguens, Ana Seoane e Marta Fariña.