DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha nova presidencia cargada de grandes proxectos para a Asociación Xuvenil Engranaxe

Adrián Sáchez asume o cargo en substitución de Manuel Silveira

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez. DUVI 30/07/2012
A Asociación Engranaxe conta cunha nova presidencia. Tras dous anos e medio como tesoureiro da asociación, Adrián Sánchez, estudante da Escola de Enxeñaría Industrial, asumiu o cargo no transcurso da Asemblea Extraordinaria celebrada recentemente. Sánchez, que comeza esta nova etapa “con grandes proxectos entre mans” vai seguir a estela marcada por Manuel Silveira, presidente saínte, que parte cara Estados Unidos para realizar o seu proxecto fin de carreira. Con este novo equipo, a Asociación Engranaxe “seguirá traballando duramente” para dar difusión ao traballo que realizan máis alá do ámbito académico.

Con mais de 120 socios e socias de entre 20 e 23 anos, Engranaxe ten como finalidade conseguir un vínculo permanente entre o alumnado e o mundo laboral, fomentando o espírito emprendedor e as oportunidades tanto dentro como fóra do ámbito universitario. Coas ganas de seguir aprendendo como principal motivación, Sánchez asume a presidencia coa vista fixada “en seguir traballando do xeito que o fixemos ata agora, cun claro camiño marcado, centrándonos en manter contacto coas empresas e buscando novos proxectos” indica.

Tras organizar actividades entre as que destacan as dúas edicións das Xornadas Técnicas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética e colaborar con organismos nacionais e internacionais, Engranaxe suma aos seus cometidos novos proxectos relacionados “coa busca de emprego e co emprendemento, xa que son temas de actualidade que interesan a un estudantado preocupado polo seu futuro”, indica o novo presidente da asociación.

Orgulloso director saínte

Silveira, que deixa o cargo para partir cara Illinois, Estados Unidos, para realizar o proxecto fin de carreira de Enxeñaría Industrial, levaba ao fronte da asociación máis de dous anos. Para o estudante, “nesta vida non só é importante chegar, senón tamén saber cando toca irse para deixar paso a outros que veñan con máis forza”. O presidente saínte, que recoñece o valor engadido que lle supuxo a nivel persoal e profesional ser membro desta asociación, indica que é moi importante “aprender a enfrontarse á burocracia, realizar a planificación e a posta en marcha de proxectos, negociar con empresas ou buscar financiamento para levar a cabo as actividades”, xa que iso “é o que realmente te prepara para asumir a vida real”.