DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro celebrou este venres o acto de graduación da súa décimo sétima promoción

Unha nova promoción de Dereito que consolida a madurez da facultade

Coincidindo coa conmemoración do seu patrón, San Raimundo de Peñafort

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 03/02/2012

No curso 2006/2007 comezaron os seus estudos na Facultade de Dereito do campus de Ourense con moitas expectativas polo que ían ser os anos de vida universitaria que lles agardaban por diante. Este venres, 26 membros da décimo sétima promoción do centro celebraron o remate desta etapa no seu acto de graduación, con moita emoción polos recordos e amigos acumulados e polos novos retos que terán que enfrontar como profesionais. Como exemplo dunha vida dedicada ao Dereito, neste acto académico de San Raimundo de Peñafort xunto aos futuros avogados tamén foi galardoado coa insignia de ouro da Universidade de Vigo o profesor doutor Carlos Palao.

“Sodes a décimo sétima promoción desta facultade e representades a súa consolidación e a súa madurez”, dixo Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, nun salón de actos Marie Curie no que se atopaban numerosos membros da comunidade universitaria, familiares e amigos dos estudantes homenaxeados e moitas autoridades, estando na mesa Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo; Ana María Pita, decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo; Eloy Gayán, decano da Facultade de Dereito da Coruña, e Luís Míguez Macho, decano da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.

Pasado e futuro

Un a un os estudantes foron recollendo as bandas, insignias e diplomas de man das autoridades presentes. A todos eles os padriños da promoción, os profesores Jacinto Lareo e Virxilio Rodríguez, deron palabras de alento e recoñecemento. “Estades coa emoción do navegante que remata unha longa travesía pero que sabe que virán outras novas. Nelas non esquezan que son vostedes os que teñen o temón”, díxolles Virxilio Rodríguez. Unhas novas travesías para as que Lareo desexoulle aos estudantes toda a sorte pois “a vosa promoción ten "baraka", que significa boa sorte, bos augurios de futuro”.

Cun ollo posto nese futuro e outro no pasado compartido xuntos durante cinco anos, Leticia Barrio, voceira do alumnado, destacou que “quédanos un longo camiño por percorrer pero hoxe damos xuntos o primeiro paso del”. Nese camiño, Miguel Ángel Michinel ofreceulles todo o apoio da Facultade de Dereito e salientou o orgullo que representan para o centro. “Vede o futuro con todas as oportunidades que vos ofrece porque o Dereito é unha profesión permanente, sexan tempos de crise ou non”, engadiu o reitor da Universidade de Vigo, que apuntou que esta é unha das últimas promocións de licenciados en Dereito, á espera da primeira promoción de grao.

Insignia de ouro para Carlos Palao

Durante o acto, Salustiano Mato entregou a insignia de ouro da Universidade de Vigo ao profesor doutor Carlos Palao Taboada, nado en Ourense, catedrático da Universidade Autónoma de Madrid, membro honorífico do claustro de profesores da Facultade de Dereito ourensá e docente cunha dilatada traxectoria académica. “Tomo esta insignia con enorme satisfacción e como o broche de ouro da miña vida académica, despois de terme xubilado en setembro”, dixo Taboada, que doou a súa biblioteca, composta por máis de 2000 volumes, á Facultade de Dereito de Ourense.